O BNG logra trens de cercanías para a Galiza nesta lexislatura na negociación con Sánchez

Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego esta sexta feira (Foto: Europa Press).
O acordo, ao que tivo acceso Nós Diario, foi levado esta sexta feira á Executiva Nacional da formación nacionalista que se reuniu ao longo da mañá.

"Plan Integral de Modernización da Rede Ferroviaria da Galiza", así se titula un dos puntos máis salientábeis do preacordo que o BNG alcanzou co candidato á Presidencia do Goberno español, Pedro Sánchez para a investidura deste. Así o anunciaron desde a formación nacionalista.

O primeiro punto desta parte do acordo, ao que tivo acceso Nós Diario, comprométese a “realizar un estudo para a implantación de tren de proximidade na Galiza, tendo en conta as necesidades da infraestrutura, o material móbil e a dispoñibilidade de persoal, para que, antes do final de lexislatura, Galiza conte con servizo de proximidade”.

Corredor Atlántico

Outro dos puntos indica que busca “impulsar as actuacións do corredor Atlántico, e acelerar os traballos no tramo de conexión entre Vigo e a Fronteira Portuguesa incluíndo o saída sur de Vigo, que forman parte da Rede Básica Ampliada para garantir a súa posta en servizo na contorna de 2030”.

“Aceleraranse os traballos de modernización da liña Guillarei-Ourense, de viaxeiros e mercadorías, así como estudo funcional da duplicación e migración a ancho estándar e avanzarase nos traballos (comezando por realizar un estudo funcional) para a modernización e electrificación da liña ferroviaria A Coruña-Lugo entre Betanzos e Lugo”, prosegue o acordo.

Segundo o texto de preacordo dos nacionalistas co PSOE, “iniciaranse en 2023 os trámites administrativos para a execución do baipás de Betanzos, (que estará en execución antes de terminar a presente lexislatura), coa exposición pública do estudo informativo e culminarase o estudo funcional xa en curso entre A Coruña e Ferrol para a modernización desta liña e iniciarase o estudo informativo en 2024”.

Licitar en 2024 un estudo dunha variante entre Curtis e Ordes que facilite a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela ou axilizar a aprobación da Orde Ministerial de denominación da Estación Intermodal de Santiago "Daniel Castelao" e programar o uso dos seus espazos comúns para a difusión do legado artístico, cultural e político de Castelao en coordinación co Concello de Santiago de Compostela, tamén son puntos presentes no acordo.

"Trato homoxéneo"

“Recuperaranse as frecuencias de Obriga de Servizo Público (OSP) previas á pandemia e estudarase a necesidade dun aumento de servizos na rede ferroviaria estatal na Galiza. Aplicarase o mesmo trato homoxéneo aos usuarios de proximidades na Galiza que noutros territorios e continuaranse os traballos de modernización. Mellorarase a atención aos viaxeiros nas estacións e reforzarase a presenza de revisores os trens e elaborarase un plan de substitución e mellora do material rodante empregado nos servizos Vigo-Porto, e estudarase a mellora das frecuencias”, son outros dos puntos que foron acordados entre BNG e PSOE.