O BNG non asistirá á homenaxe a Albor por ter un "nesgo partidario claro"

Lois Diéguez, na tribuna do Parlamento. Na parte inferior esquerda, Xerardo Fernández Albor. Na superior dereita, Mariano Rajoy

A Executiva Nacional da formación frontista considera que o PP utiliza o aniversario da 35 constitución do Parlamento para render un tributo partidario a un dos seus.

Xerardo Fernández Albor (1917) tomou posesión do seu cargo como presidente da Xunta da Galiza o 21 de xaneiro de 1982, apenas un mes despois (19 de decembro de 1981) de que se constituíse o Parlamento emanado do Estatuto de Autonomía (1981) actualmente vixente.

A Mesa do Parlamento decidiu colocar o acto de conmemoración do aniversario do Parlamento precisamente este sábado 21 de xaneiro, día en que se fan tamén 35 anos da toma de posesión de Albor, o que converte facticamente o evento nunha homenaxe ao político do Partido Popular.

Isto é o que leva ao BNG, segundo puido saber Sermos Galiza, a decidir non asistir a este acto por considerar que ten un "nesgo partidario claro".

Alén do máis, fontes da dirección nacionalista indicaron a Sermos que "a época Albor non é precisamente digna de homenaxe institucional, pois nela brillou pola súa ausencia o respeito aos dereitos democráticos máis elementais", en alusión á expulsión do Parlamento dos tres deputados do Bloque-PSG, Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López Garrido, producida en novembro de 1982.

Os parlamentares nacionalistas foron expulsos ao se negaren a aceitar a obriga de xurar fidelidade á Constitución española. Daquela non existía o requisito de o facer con carácter previo para tomar posesión do escano e, de feito, os deputados xa levaban meses de traballo normal na institución. O xuramento de fidelidade impúxoselles pois con carácter retroactivo, como unha precondición para continuar no Parlamento. A non retroactividade das normas legais é un principio elemental das garantías democráticas. Aplicouse neste caso con carácter excepcional, o que foi interpretado polo Bloque-PSG como un ataque político contra o nacionalismo galego e como unha consecuencia directa da involución que se viviu no Estado após o golpe de 23 de febreiro de 1981.

Nen Bautista Álvarez nen Lois Diéguez nen Claudio López Garrido aceitaron o que vían como unha imposición antidemocrática e, portanto, foron expulsos do Parlamento.

"Todo isto aconteceu durante a época Albor, o que evidentemente non nos anima a nos sumar a esta homenaxe", afirman as fontes do BNG consultadas por Sermos.