Jorquera non desbota que o BNG vaia en listas nacionalistas con "outra denominación"

O portavoz parlamentar nacionalista, Francisco Jorquera, afirma nunha entrevista na Radio Galega que ‘’non somos refractarios a esa posibilidade’’ se así o expresan as asembleas abertas que está a impulsar a organización.

O BNG non desbota concorrer ás eleccións municipais de 2015 baixo unha fórmula de candidaturas nacionalistas. Así o afirmou esta terza feira nunha entrevista no ‘Galicia por Diante’ da Radio galega o portavoz parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera. O xornalista Kiko Novoa preguntou no transcurso da conversa a Jorquera se o BNG estaría disposto de cara ás municipais a “impulsar candidaturas nacionalistas, aínda que non sexa dentro das siglas BNG?” e a resposta do portavoz foi clara: “Non somos refractarios a esa posibilidade”. Lembrou que a fronte nacionalista está a impulsar un proceso “en todo o país” de asembleas abertas “nas que queremos falar coa cidadanía” para que participen “da necesidade de que Galiza teña forzas propias, forzas transformadoras”.

“Se a fórmula final desas asembleas abertas fosen candidaturas nacionalistas con outra denominación, é unha posibilidade que está riba da mesa”

A partir de aí, proseguiu Jorquera, “se a fórmula final desas asembleas abertas fosen candidaturas nacionalistas con outra denominación, é unha posibilidade que está riba da mesa”. O proceso de asembleas que está a impulsar o BNG “é sen posicións excluíntes” nin apriorismos, manifestou o portavoz parlamentar.

“Inscribir os proxectos locais nun proxecto nacional”

Para Jorquera, é importante que cara ás municipais haxa candidaturas “que conten con apoios diversos e participación directa da cidadanía”, candidaturas “enmarcadas nun proxecto de país, inscribir os proxectos locais nun proxecto nacional”. De aí as asembleas abertas, salientou.

Preguntado sobre o fenómeno das marés cidadás que se están a organizar en diferentes concellos galegos como A Coruña ou Vigo, entre outros, Jorquera manifestou o seu “respecto” e considerou que “é importante que a xente participe fronte ás políticas que arruínan o país, que recortan dereitos...” e cualificando como “moi positivo” que a cidadanía se organice.

Para Jorquera é importante que de cara ás municipais haxa candidaturas “que conten con apoios diversos e participación directa da cidadanía”

Un inicio do curso político “convulso”

O portavoz nacionalista no Parlamento galego avanzou na entrevista que o curso político vai ser “convulso”, pois Galiza “ten problemas graves e moi serios” ao que hai que engadir que desde o PP “estase a subverter a democracia en base aos seus propios intereses”, en referencia ás reformas electorais que impulsa. Jorquera considera que con esas reformas os populares procuran “manter nas institucións unha maioría que saben que perderon na sociedade” e “consolidar un bipartidismo cuestionado” pola cidadanía.

“Os gobernos de coligazón forman parte da tradición democrática en numerosos estados”, sostivo, e lembrou que o PP non ten reparos en ir contra o que está a dicir agora de que goberna a lista máis votada se iso lle permite ter o poder: “En Sada a candidatura máis votada foi a do BNG, mais o PP aliouse con independentes para ter o poder”.

As reformas electorais dos populares procuran “manter nas institucións unha maioría que saben que perderon na sociedade”

Feijóo actúa como “un mero delegado do goberno central”

Francisco Jorquera considera que “Galiza precisa un goberno galego merecente dese nome”, posto que Núñez Feijóo “actúa como un mero delegado do goberno central en Galiza” supeditando os intereses e necesidades do país á estratexia centralista do PP. “Feijóo estaría a gosto nunha Xunta que fose unha megadeputación provincial”, dixo.