BNG e PCPG partillan a necesidade de obter un grupo parlamentar galego

Ambas as dúas formacións apostan por unha candidatura galega unitaria “de amplio espectro”.

É necesario que Galiza teña representación soberana no Congreso español a través dun grupo parlamentar propio e de seu. Esta é unha das ideas que partillan BNG e Partido Comunista do Povo Galego (PCPG) e que abordaron nunha xuntanza, na que tamén coincidiron na necesidade de apostar nunha “candidatura unitaria galega de amplo espectro que conte coa participación de todas as forzas políticas e do conxunto da cidadanía que comparta este obxectivo”.

Nunha xuntanza entre delegacións de ambas forzas políticas, encabezadas polo secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira, e polo secretario xeral do PCPG, Xosé Collazo, as dúas formacións valoraron a trascendecia de que Galiza conte con voz propia en Madrid, “nun momento en que está en debate o actual modelo de Estado, que defenda os intereses inmediatos e estratéxicos do noso país”.

Esa candidatura de unidade, “que demanda unha gran parte da sociedade sen adscrición política algunha”, debe ser un instrumento electoral que permita sumar apoios d@s que desexan que Galiza “conte e sexa protagonista”.