O BNG pedirá no Parlamento unha comisión sobre o sistema de pensións

Xuntanza BNG-CIG

Grupo parlamentar nacionalista e Executiva da CIG mantiveron unha reunión na que acordaron reforzar a colaboración na defensa dos traballadores e combater un modelo laboral “baseado na precariedade”.

Ana Pontón anunciou que o BNG vai reclamar unha comisión de estudio sobre o sistema de pensións no Parlamento galego e denunciou as manobras do PP para, dixo, poñer en mans de fondos privados o que é “una conquista social dos traballadores”. A portavoz parlamentar nacionalista realizou este anuncio após a xuntanza mantida entre o grupo do BNG na Cámara do Hórreo e a Executiva nacional da CIG, reunión na que acordaron reforzar a colaboración en eidos como a defensa dos dereitos dos traballadores.

Pontón considera que a comisión permitirá poñer sobre a mesa “un diagnóstico da realidade e propostas de futuro” sobre o sistema de pensións. Neste sentido, apuntou que as rendas do capital deben gravarse con maior medida para garantir pensións dignas. A Comisión de estudo estaría integrada por parlamentares, axentes sociais, forzas sindicais e patronal. A portavoz do BNG tamén lembrou que o modelo laboral impulsado polo PP baséase na precariedade, denunciando que o 95% de novos contratos son  precarios e un 31% dos traballadores e traballadoras galegas “non chegan ao salario mínimo interprofesional” .

Seixo

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, apuntou que a colaboración co BNG permite trasladar ao Parlamento a problemática laboral e social a través de debates e iniciativas que favorecen visibilizala na sociedade e denunciala nas institucións. Seixo afirmou que da precariedade laboral tamén se deriva a precariedade de dereitos laborais. Nun mercado laboral onde cada vez os salarios son máis precarios, explicou, con xornadas máis longas con horas sen cotizar  “baleiras a caixa da Seguridade social” e se sumas as subvencións e contratacións que non van a cargo dos orzamentos do Estado pero son cargadas na SS “baleiras o fondo de reserva e pos en risco o futuro das pensións”.

O secretario xeral da CIG apostou nunha “política fiscal que grave as fortunas e rendas máis altas como garante do sistema público de pensións fronte a un sistema privado  que especula en  mercados financeiros”.