O BNG pedirá unha reforma legal que impida incorporar concelleir@s non-elect@s

A formación nacionalista rexistra unha proposta no Parlamento galego co fin de impedir casos como o de Santiago de Compostela, con sete persoas no equipo de Goberno que non pasaron polas urnas.

O BNG rexistrou unha proposta de reforma electoral no Parlamento de Galiza que pretende que o Congreso elimine a posibilidade de designar edís que non concorreron nas candidaturas electorais, para evitar casos como o que está a ocorrer agora no Concello de Santiago (PP) onde sete dos trece membros do goberno local non foron ás urnas, logo de que o resto dimitisen ou fosen condenados a inhabilitación por escándalos de corrupción.

Nunha iniciativa lexislativa para o seu traslado ás Cortes, da que informou a axencia Europa Press, @s nacionalistas galegos recordan que, aínda que o Estatuto de Autonomía atribúe competencias de desenvolvemento lexislativo sobre o réxime local, a elección e conformación das corporacións locais depende no Goberno central.

Con todo, o BNG advirte de que Galiza "non pode permanecer allea á situación que se está dando en concellos relevantes, como é o caso de Compostela".