O BNG pide o cese do presidente de Sogama por falsificar datos para xustificar a suba do lixo

Ana Pontón denunciou a “falta de transparencia, mentiras e ocultación de información” do Goberno galego á cidadanía e o Parlamento galego.

 

O BNG pediu o cese do presidente de Sogama. Fíxoo esta quinta feira por boca da deputada Ana Pontón e na Comisión de Medio Ambiente. “Pedimos o cese por realizar informes que falsificaban as contas das previsións contidas no plan de viabilidade” co fin de xustificar o incremento do canon do lixo.

A deputada falou de “falta de transparencia, mentiras e ocultación de información” do Goberno galego, engadindo que é un proceder semellante o da xestión en Sogama coa “famosa, coñecida e discutida suba do canon de Sogama”. Tamén lembrou que o Partido popular no Parlamento galego xustificou a devandita suba por mor “dunhas importantes perdas da empresa” que xustificaba a suba do 33, 4% do canon para evitar a súa quebra. Dende o BNG cualificouse entón esa “medida inxusta e inxustificada” e o tempo "ven darnos a razón".

Feijóo, argumentou Ana Pontón, gastou 50.000 euros nun informe  para certificar unha suba que, pasado o tempo, quedou demostrado non ser real despois de coñecer as contas, sen embargo o Presidente da Xunta e o PP defenderon un discurso para xustificar o incremento que deben pagar os cidadáns polo tratamento do lixo.

“Un informe, errado en base aos datos entregados polo Presidente de Sogama” como confirmou a propia empresa Pricewatherhouse. Ou ben o titular de Sogama “non se enteira” ou pretendeu utilizar datos  para xustificar a suba. En calquera dos dous casos, afirmou , “debe ser cesado”.