O BNG pide facilidades de crédito para @s autónom@s, colectivo ''afogado'' polas políticas do PP

En Galiza hai 214.000 traballadores por conta propia. Desde o 1 de xaneiro teñen que facer fronte a un novo tributo aprobado polo Estado. O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, advirte que este colectivo non só padece as consecuencias da crise, senón tamén das políticas do PP. 

 

En Galiza hai máis de 214.000 traballadores e traballadoras autónomos, o que supón un 24% dos afiliados á Seguridade Social. Un colectivo que desde o 1 de xaneiro nota nos seus petos os efectos dunha nova suba decidida polo Estado español, que con esa medida quere recadar mil millóns de euros. O incremento varía entre os 60 e 700 euros por persoa e ano.

“A política de recortes e de suba de impostos e taxas que executa o PP a nivel estatal e na Xunta ten como consecuencia unha queda da demanda e do consumo, e iso incide directamente nos autónomos porque gran parte do seu negocio depende da capacidade de consumo das familias”, explicou esta cuarta feira Xavier Vence, portavoz nacionalista. Para Vence, “as políticas de recorte que prolongan a recesión levan por diante aos autónomos”.

Sensibilidade

Xavier Vence fixo estas declaracións tras manter un encontro cos responsábeis da asociación Autónomos de Galiza (Auga) e salientou que o BNG considera “chave” facilitar o acceso ao crédito aos autónomos e frear as subidas de impostos do PP.

“Teñen enormes dificultades de acceder ao crédito e cando o logran é moi caro, e ademais non funciona o sistema de avais do IGAPE, ao que se suma a suba das retencións en IRPF do 19 ao 21% que volveu a prorrogarse en 2014, os incrementos das cotizacións á seguridade social impostas unilateralmente polo Goberno, e hoxe mesmo o BNG reclama no Congreso que se freen esas subas que lastran aínda máis a capacidade deste colectivo”, explicou Vence.

O dirixente nacionalista tamén denunciou o apoio do PP ás grandes superficies, en detrimento do comercio de proximidade no que se ocupan miles de autónomos, e o apoio ás grandes compañías de prestación de servizos, que están desprazando as pequenas empresas de autónomos locais.