O BNG pide a Fomento que "abandone o proxecto de trazado de tren a Punta Langosteira"

Os nacionalistas protestarán no Congreso de Madrid polo "elevado impacto" dunhas posíbeis obras que ameazan postos de traballo e contan coa oposición da veciñanza.

A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez presentou unha pregunta parlamentaria na que pide ao Ministerio de Fomento que "retroceda e abandone" a opción do trazado de acceso ferroviario ao Porto Exterior de Punta Langosteira polo seu "elevado impacto".

En concreto, a nacionalista advirte ao Goberno de que a alternativa elixida provocou o "malestar e a preocupación dos veciños da zona", xa que o trazado "conta cun amplo rexeitamento social e político no municipio de Arteixo polo seu grave impacto nos núcleos de poboación de Uxes, Santa Icía e Rañobre". Rosana Pérez afirma que se trata do "trazado máis prexudicial", tanto nos núcleos de poboación coma na factoría de Ferroatlántica. Así mesmo, recorda que existen "catro alternativas".

Ferroatlántica

Ademais da oposición, indica a deputada do BNG, existe tamén unha "certa inquietude" entre os traballadores da factoría de silicio Ferroatlántica, dado que o trazado pasa "moi próximo á fábrica" e as obras terían un "impacto importante sobre o almacenamento ao aire libre e baixo cuberta".