O BNG pide a Interior que explique a ‘laxitude’ policial cos grupos nazis fronte ‘represión’ do protesto social

O portavoz nacional, Xavier Vence, reclamou en nome do BNG “unha investigación a fondo” dos sucesos de Madrid que se saldaron co asasinato dun seareiro coruñés.

 

“Unha investigación a fondo” dos actos violentos ocorridos en Madrid que revelan “un problema estrutural de violencia latente” no fútbol con equipos que contan con violentos coma os do Frente Atlético, “unha peña declarada nazi e fascista, promovida, amparada e que recibe parabéns dos directivos do seu club”. É a petición de Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, horas despois dos sucesos acontecidos en Madrid.

Vence trasladou as condolencias do BNG á familia do deportivista asasinadoe manifestou que “a violencia consentida está intimamente” relacionada coa “corrupción económica do fútbol profesional que se manifesta na xestión irresponsable dos recursos e que promove un tipo de aficionado radical que nada ten a ver co deporte”.

No caso concreto da “batalla campal” en Madrid, o dirixente nacionalista pregunta polo papel das forzas de seguridade. “Como puido a policía permitir que grupos armados circulasen por pleno centro de Madrid, nos arredores do estadio portando simboloxía nazi e que non actuase?”, de aí a petición do BNG de comparecencia inmediata do ministro do Interior no Congreso “porque ten moitas explicacións que dar”.

Diferencias

Xavier Vence cuestionou a “lasitude” na actuación da policía e cualificou de “sangrante” o contraste do Ministerio do Interior que aplica “unha represión terrible” na persecución das protestas sociais contra as políticas de recorte do PP, - como é o caso dos estafados polas preferentes, nos desafiuzados-, “perseguidos con multas e acusacións ante os xulgados en moitos casos en base a atestados policiais falsificadosl”.

Ex militante de Fuerza Nueva

O Bloque tamén considera incomprensible que se permitise a celebración do partido tras uns feitos de violencia extrema. “Que valores deportivos e humanos representa esa Liga de Fútbol Profesional que non suspende un partido tras un asasinato. Supoño que terá moito que ver co feito de que está presidida por ex militante de Fuerza Nueva”, recalcou.