O BNG pide paralizar o concurso de eólica mariña e retirar os Plans de Ordenación do Espazo Mariño

Néstor Rego no Congreso dos Deputados. (Foto: Nós Diario)

"O Goberno do Estado está a hipotecar o futuro do sector pesqueiro galego en favor, máis unha vez, das grandes eléctricas" denuncia o deputado Néstor Rego

O Bloque Nacionalista Galego oponse de maneira frontal as pretensións do Goberno do Estado de implantar 50% do total da potencia de eólica mariña na costa galega. Así o remarcou esta cuarta feira o deputado do BNG, Néstor Rego, quen asegurou que esta decisión supón "hipotecar o futuro do sector pesqueiro galego" e das industrias afíns.

Nun comunicado, Rego denuncia que as decisións adoptadas polo Goberno español "non contaron con informes e estudos do impacto socioeconómico e ambiental necesarios e que foron tomadas en favor das grandes empresas eléctricas", asegurando que os polígonos saian adiante ao reservar 70% dos criterios para a instalación de eólicos nas augas aos de carácter económico.

"O Goberno toma a decisión de continuar co seu plan de hipotecar o futuro dun sector chave para a economía costeira galega: o noso sector pesqueiro e, por extensión, o noso sector mar-industria" alerta o deputado do BNG no Congreso.

Que 50% do total potencial de eólica mariña se instale na costa galega suporá un castigo para o noso país e, sobre todo, para o noso sector pesqueiro

Segundo o BNG o sector pesqueiro representa 5% do Produto Interior Bruto da Galiza e vaise ver seriamente afectado. Após a aprobación mediante Real Decreto sobre a regulación da produción e explotación de eólica mariña veranse ameazados arredor de 65.000 postos de traballo, prognostica.

Así, o Bloque avanza que non vai contribuír "nin ser parte desta decisión" que contará coa súa oposición frontal "na defensa do noso sector pesqueiro e dos nosos ecosistemas mariños". A decisión de que 50% do total potencial de eólica mariña se instale na costa galega suporá "un castigo para o noso país e, sobre todo, para o noso sector pesqueiro", afirma.

Criterios económicos

Sobre os requisitos que rexerán a instalación de parques eólicos mariños, o deputado do BNG censurou os detalles incluídos no Real Decreto. "Os criterios económicos representarán 70%, deixando en 30% o resto, como os ambientais ou doutro tipo. Hai unha intención de favorecer as grandes eléctricas e converter, tal e como din numerosos investigadores, o noso país nunha zona de sacrificio. Nós chamámolo converter a Galiza nunha zona colonial", denuncia o  deputado nacionalista.

O BNG exixirá ao Goberno frear o concurso de eólica mariña para defender os intereses da frota pesqueira galega e dos ecosistemas mariños. "O executivo debe rectificar e retirar os POEM, así como declarar a costa galega como zona excluída para a instalación de eólica mariña", asevera Rego.

Sen estudos rigorosos

Ademais, finaliza, a decisión do executivo de continuar cos plans de implantar 50% do total da eólica mariña na Galiza estase a tomar sen contar coa información e os estudos precisos sobre o impacto socioeconómico e o impacto ambiental.

Non hai datos suficientes para posibilitar conclusións incontestábeis sobre a inocuidade destes polígonos industrias sobre os ecosistemas mariños

De feito, lembra Rego, o BNG solicitou en varias ocasións a paralización da tramitación da norma e a retirada dos POEM por considerar que, das experiencias existentes, os impactos sobre a pesca e sobre o medio mariño son evidentes.

"O propio IEO recoñeceu, a raíz dunha iniciativa do BNG, que non hai datos suficientes para posibilitar conclusións incontestábeis sobre a inocuidade destes polígonos industrias sobre os ecosistemas mariños. Agora, os expertos e expertas do IEO foron excluídos da Comisión de Avaliación dos proxectos do concurso", lamenta Néstor Rego.

O propio Informe sobre Enerxía Renovábel Mariña na UE, lembra o Bloque, elaborado polo Tribunal de Contas Europeo recolle nas súas conclusións que as accións, tanto da Comisión Europea como dos Estados membros serviron de apoio a impulsar esta enerxía mais aínda supón un reto garantir a súa sustentabilidade social e ambiental.

"A ordenación do espazo mariño non resolveu os conflitos derivados da súa explotación e as repercusións socioeconómicas do desenvolvemento das renovábeis mariñas non se estudaron con suficiente profundidade e aínda teñen que resolverse numerosos aspectos ambientais", recolle o estudo.