Avante Galiza! manifesta o seu apoio ao BNG para "sermos unha nación en Europa"

[Imaxe: BNG]

Un cento de representantes da Cultura, da Universidade ou do ámbito laboral fan parte desta plataforma, que reivindica "a vontade de sermos unha nación en Europa". Elvira Souto, Vítor Baqueiro, Xabier P. Docampo, Ugia Pedreira ou Xurxo Souto asinaron o manifesto de apoio. No acto de presentación de Avante Galiza!, Ana Miranda enfatizou que o 25-M "a abstención é un suicidio. Se quedamos na casa, seguirannos a roubar"

 

Un acto en Santiago de Compostela -na Nave de Vidán- serviu esta segunda feira para presentar Avante Galiza! a plataforma social creada para manifestar o seu apoio á candidatura do BNG ás eleccións europea do 25 de maio que encabeza Ana Miranda.

Está plataforma conta xa cun cento de adhesións de apoio á lista nacionalista, porque, segundo se recolle no súa carta de presentación "é a mellor maneira de afirmarmos o noso dereito ao futuro, á xustiza social, á igualdade, ao benestar e á liberdade. Porque é a mellor maneira de afirmarmos a nosa vontade de sermos unha nación en Europa, unha nación no mundo".

"A abstención é un suicidio. Se quedamos na casa, seguirannos a roubar o futuro", enfatiza Ana Miranda

Segundo o Bloque, "xente do mundo da cultura, laboral e sindical, da universidade, activistas sociais, profesionais de prestixio integran esta plataforma social, que na súa presentación pública aos medios contará coa presenza de Mario Díaz, Xosé Collazo, Begoña Caamaño, Xosé Alfredo Pereira, Suso de Toro, Esteban Ferrer, Concha de la Fuente, Verónica Martínez e Elvira Souto".

Entre as persoas asinantes do manifesto están Mario Díaz, Xosé Collazo, Begoña Caamaño, Xosé Alfredo Pereira, Suso de Toro, Esteban Ferrer, Concha de la Fuente, Verónica Martínez, Evira Souto, Margarida Ledo, Xurxo Souto, Xavier Queipo, Anxos Sumai, Alonso Caxade, Dionisio Pereira, Óscar Rodil, Xavier P. Docampo, Vítor Vaqueiro e Ugia Pedreira.

Ana Miranda chama a mobilizar o voto "contra a Europa antisocial que nos rouba o futuro"

No acto de presentación da plataforma, a número 1 do BNG ao Parlamento europeo, Ana Miranda, chamou a mobilizarse "de maneira masiva" o 25 de maio. Face os resultados deitados polos inquéritos, que sinalan unha porcentaxe de abstención histórica, Miranda animou a tomar parte no proceso electoral e "encher as urnas" de votos "a favor da nosa mocidade", "da creación de emprego" e "dos dereitos das mulleres".

"A abstención é un suicidio", enfatizou, "se quedamos na casa seguirannos roubando" os que gañan, dixo, "co adormecemento social e a abstención". Neste senso, arengou a cidadanía a votar nas eleccións europeas para "rebelarse contra as políticas da dereita que nos esmagan", sentenciou.