O BNG propón "un grande acordo" pola lingua que permita reverter a perda de falantes

Ana Pontón urxe un cambio de rumbo nas políticas de “persecución sistemática” do Goberno galego ao idioma para garantir "o dereito a aprendelo e usalo".
21-09-2024 BNG-GALEGO-1
photo_camera Mercedes Queixas e Ana Pontón, este sábado no 'Parlamento Aberto'. (Foto: Arxina)

Un gran acordo pola lingua que naza dun amplo consenso con todos os axentes políticos, económicos e sociais e que permita reverter a tendencia de perda de falantes e colocar o idioma propio no lugar que lle corresponde, logo da “cruzada” do Goberno do PP contra o galego. Esta é a proposta que este sábado reaizou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en Compostela.

Avanzouno nunha nova xornada dos encontros ‘Parlamento Abert’o organizados polo BNG e que, nesta ocasión, centrouse na situación da lingua, nun momento no que se fan 20 anos da aprobación do Plan de Normalización Lingüística, despois dun proceso participativo moi amplo que conseguiu “algo que non é fácil, o diálogo e o consenso”, lembrou Pontón.

Porén, Pontón recalcou que “foi o Partido Popular quen esnaquizou” o acordo, emprendendo unha “cruzada” contra o idioma que comezou co actual presidente da Xunta poñéndose “detrás dunha pancarta contra o galego”, que continuou co “decreto da vergoña” que limita o seu uso na escola e, posteriormente, co PP votando no Parlamento en contra de que o idioma galego se poida utilizar no Congreso, “unha vergoña que acompañará ao señor Rueda ao longo da súa vida”, afirmou.

Nesta “estratexia de acoso”, proseguiu a líder nacionalista, tamén enmarcou a intención do PP cunha nova lei de reducir a presenza da lingua nos medios públicos.

“Estamos ante unha política deliberada do Partido Popular de perseguir por terra, mar e aire a nosa lingua”, resumiu, para advertir a continuación que neste “boicot contra o galego”, o PP utiliza “toda a forza que dá ter o goberno da Xunta”, con graves consecuencias para a situación do idioma propio.

A isto sumou o feito de que unha parte moi importante do sistema educativo non está cumprindo a función de apoio e reforzo da lingua galega, dando pé a unha realidade na que nenos e nenas entran na escola falando galego e saen falando castelán.  

Neste contexto, Pontón defendeu a necesidade dun “cambio de rumbo” co “obxectivo claro de garantir o dereito a aprender o galego e o dereito a usalo con liberdade en calquera contexto en todos os ámbitos da vida”, para o que pediu ao Goberno do PP que abandone a súa cruzada, que deixe de boicotear a lingua e que volva “aos grandes acordos a favor do noso idioma”. 

Un gran acordo sobre tres grandes medidas

Por iso, o BNG propón este gran acordo pola lingua e que estaría asentado sobre tres grandes medidas. A primeira, impulsar “un proceso amplo, plural e participativo” para elaborar un novo plan a favor do galego, adecuado á realidade de 2024, un novo plan que partiría dos resultados do Plan Xeral de Normalización Lingüística e dos informes que hai a disposición da sociedade que dan conta da situación do idioma.

A segunda gran medida proposta pola formación nacionalista é a revisión da Lei de Normalización Lingüística que, logo de 40 anos de vixencia, é preciso actualizar para adaptala á realidade social, cultural, económica e tecnolóxica de hoxe en día.

Por último, este gran consenso estaría baseado tamén na elaboración dun novo decreto de uso da lingua no sistema educativo que acabe coa “actual discriminación” da lingua, afondou a portavoz nacional, quen apuntou como reto a superación da desigualdade para garantir a liberdade de uso. “En igualdade para adquirir, en liberdade para escoller, dicía Luís Villalta”, recordou.

Comentarios