O BNG propón medidas para combater a pobreza enerxética e acabar co “espolio” das grandes eléctricas

Máis de 187.000 galeg@s están nesa situación.Xavier Vence propón que a Xunta asuma as facturas das familias nesa situación e pide un outro sector eléctrico, "público e con prezos fixados".

 

O BNG vén de presentar unha batería de medidas e actuacións dirixidas a poñer couto ao “espolio” das grandes empresas eléctricas a costa da cidadanía. Así o anunciaron esta segunda feira en Compostela o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e a parlamentar Carme Adán. Hai 187.000 persoas en Galiza que padecen pobreza enerxética “e son incapaces de asumir o pago da factura de gas ou luz”, dixeron. Unha realidade que, compara Vence, contrasta cos beneficios “obscenos” das grandes eléctricas, -Endesa anunciou o maior reparto de dividendos da súa historia con 14.600 millóns de euros-, cunha tarifas cuxa suba multiplicou por cinco a media da Unión Europea.

Que a Xunta asuma as facturas

O BNG propón un cambio da Lei 2/2012 de Protección das persoas consumidoras e usuarias.Un cambio que comece por establecer por lei a definición de pobreza enerxética como a situación que sofre unha familia cando destina máis do 10% dos seus ingresos a pagar as súas necesidades enerxéticas. A isto engaden a proposta de que a Xunta asumirá as facturas tras o aviso de corte do subministro e previo informe dos servizos sociais, que terá unha vixencia de seis meses renovables.

Nun país “rico” en produción de electricidade grazas á explotación que as empresas fan dos recursos naturais de todos non se pode permitir que haxa pobreza enerxética en case un 20% da poboación

A portavoz parlamentaria de Industria, Carme Adán, explicou que con estas propostas se pretende superar a “medida maquillaxe” do tícket enerxético da Xunta, “que non atalla o problema de que case o 20% das familias galegas non é capaz de apagar a factura da luz a fin de mes e non pode prender a calefacción nos meses de inverno”. Adán considera que nun país “rico” en produción de electricidade grazas á explotación que as empresas fan dos recursos naturais de todos non pode permitir, “por xustiza social”, que haxa pobreza enerxética en case un 20% da poboación, de aí a proposta lexislativa que pretende sacar

Cambios estruturais

O BNG sinala que a formación, aliás destas medidas “de urxencia”, quer un cambio na regulación do sector eléctrico global a nivel estatal, para fixar unha tarifa eléctrica social con cargo ás empresas. “A explicación de que teñamos unha lexislación tan favorable ás grandes eléctricas e tan desfavorable para a cidadanía é que o sector eléctrico dominou os sucesivos gobernos do Estado, débese a esa corrupción directa da presenza hoxe de trece ex ministros e dous ex presidentes do goberno na nómina das empresas eléctricas que se sentan nos seus consellos de administración a soldo de Endesa, Fenosa, Iberdrola”,denunciou o portavoz nacional, Xavier Vence.

“O BNG defende un sector eléctrico público regulado con prezos fixados e con límites no reparto de dividendos. No caso de Galiza, unha tarifa eléctrica propia que nos permita beneficiarnos da condición de produtores e exportadores (33%) de enerxía”, demandou o portavoz nacionalista.