O BNG propón "revolucionar" o transporte urbano de Vigo

Filipe Abalde, Carmela González, Xabier Pérez Igrexas e Ana Martínez (Foto: Nós Diario).
O portavoz do grupo municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, anunciou a campaña 'Máis buses, menos multas'.

O BNG de Vigo presentou esta segunda feira unha campaña "social" que despregará na cidade ao longo dos próximos meses para dar a coñecer o seu modelo "alternativo" de mobilidade e transporte urbano, que pasa por mellorar os horarios e conexións, ampliar frecuencias e servizos (como o nocturno) ou abaratar o prezo do billete de bus.

Nunha rolda de prensa, o portavoz do grupo municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, sinalou que esta campaña, titulada 'Máis buses, menos multas', chegará en vésperas dun ano, o 2025, que será "determinante para o futuro da mobilidade en Vigo", xa que finaliza a concesión de Vitrasa no servizo de bus urbano e ábrese "un escenario de oportunidade para que Vigo conte por fin cun servizo á altura da maior cidade da Galiza".

Así, o BNG expón un decálogo de medidas para "revolucionar" e potenciar o transporte colectivo, que perdeu 250 frecuencias desde 2019, dando "alternativas reais" ao uso do vehículo particular e fronte ao modelo do Goberno municipal, de crear catro Zonas de Baixas Emisións e multar a quen incumpra os requisitos nesas áreas.

Entre as medidas propostas, destacan o aumento de frecuencias e mellorar os horarios; redeseñar o mapa de liñas para dar mellor servizo a todos os barrios e parroquias; crear unha 'liña cero' que conecte Teis e Navia mediante un corredor rápido e múltiples frecuencias; mellorar as conexións a hospitais, campus universitario, centros de formación profesional, e estacións de transporte; reforzar o servizo nocturno, abaratar o billete ou promover a integración nun novo modelo de transporte metropolitano.

Así mesmo, o BNG propón reducir o prezo do billete de bus, e que sexa gratuíto para menores de 14 de anos e persoas desempregadas, favorecer dous transbordos gratuítos nunha hora e constituír unha empresa pública para impulsar a remunicipalización do servizo.

Segundo explicou a deputada no Parlamento da Galiza e responsábel local do BNG en Vigo, Carmela González, a campaña desenvolverase en varios ámbitos. Así, farase unha difusión a través da web da formación nacionalista e de redes sociais, e tamén mediante carteis, folletos e un boletín informativo.

Ademais, o BNG manterá reunións con asociacións veciñais, sindicatos, organizacións ecoloxistas, ou asociacións de ciclistas. Igualmente, convocaranse encontros abertos coa veciñanza e, todo iso, coa finalidade de explicar as súas propostas e escoitar tamén achegas.