O BNG censura a xestión "caciquil" dos fondos da UE por parte da Xunta

O representante da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, tamén se referiu aos últimos informes do Consello de Contas para censurar a "incapacidade" do Goberno galego para xestionar os fondos da UE.
Ana Miranda, nun pleno do Parlamento Europeo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda, nun pleno do Parlamento Europeo. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, criticou a "baixa" execución e a xestión "curtopracista" e "caciquil" de fondos da Unión Europea (UE) por parte da Xunta tras o informe publicado esta cuarta feira polo Consello de Contas.

Nun comunicado remitido aos medios esta quinta feira, a europarlamentaria nacionalista remarcou que a "baixa" execución de fondos por parte da Xunta e a "falta de transparencia" na súa xestión nuns asuntos "denunciados en Bruxelas desde moito tempo" pola formación.

Contas publicou un documento no que revela que a execución da Xunta de fondos da UE quedou por baixo de 50% en 2022. O informe apunta que dun total de 1.183 millóns de euros de crédito definitivo, foron executados 560,2 millóns de obrigacións recoñecidas (47,3% do total), unha cifra que descende a 392,6 millóns ao ter en conta os pagamentos efectuados (33,2%), ao estar pendentes de abono 167,5 millóns.

Miranda avanzou o rexistro dunha pregunta dirixida á Comisión Europea na que traslada á institución comunitaria que avalíe a forma de xestionar os fondos por parte do Goberno galego. "Como vai garantir a Comisión que a excesiva e interesada reprogramación non desvirtúe os obxectivos xerais do programa operativo Galiza 2021-2027 en favor de obxectivos curtopracistas e caciquís?", pregunta a eurodeputada.

"Non podemos estar vendidos por un Goberno galego que reprograma fondos dunha maneira totalmente en contra dos intereses galegos e que ademais está a condicionar os fondos da UE para o seguinte período", aseverou Ana Miranda.

Críticas do PSdeG

Pola súa parte, o representante da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, tamén se referiu aos últimos informes do Consello de Contas para censurar a "incapacidade" do Goberno galego para xestionar os fondos da UE. "Galiza deixou de executar só no ano 2022, segundo Contas, máis de 50% dos fondos europeos que recibiu. Estamos a falar de máis de 1.183 millóns de euros", sinalou.

A este respecto, sostivo que os fondos chegan a Galiza mais "a Xunta de Rueda é incapaz, non pode, non sabe ou non quere executalos". "A súa incapacidade e unha certa vagancia lévanos a ser incapaces de trasladar os fondos económicos a quen ten que chegar: á economía real, ás empresas, aos proxectos empresariais e ás entidades públicas que poden xestionar en beneficio dos cidadáns", afirmou.

O portavoz da executiva do PSdeG lamentou que, despois de que xa o PP "tentase bloquear a chegada" os fondos da UE que o Goberno español "conseguiu nun exercicio de diplomacia", agora o "PP reclámaos" mais é "incapaz de utilizalos".

Ademais, sobre este asunto, chamou a atención sobre o feito que se se analizan en relación ao Sergas, o dato de execución aínda é "peor". "O Sergas non é capaz ou non quere investir catro de cada cinco euros que chegan de fondos europeos", advertiu Torrado.

"É un chiste", di Prado

A secretaria xeral do PP, Paula Prado, defendeu esta quinta feira a xestión do Goberno galego do financiamento chegado da UE e concluíu que, dado o que "tarda" o Executivo estatal en trasladar os fondos comunitarios, "dicir que a Xunta non é capaz de xestionalos é un chiste".

Tamén se pronunciou ao respecto o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, quen afirmou que os fondos da UE non executados en 2022 non se perderán e gastaranse en seguintes exercicios. En concreto, sobre as partidas do mecanismo de recuperación, explicou que se poderán executar até 2026: "Non perderemos nin un euro".

Comentarios