O BNG publica o manifesto 'Pola República da Galiza!'

A BNG lanza un manifesto pola superación do actual marco institucional do Estado español e a construción, 'cun 'espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova”.

 

O BNG vén de publicar o manifesto 'Pola República da Galiza!', con motivo da conmemoración do aniversario da República do 1931. Con este texto a organización nacionalista di que quere difundir entre a sociedade galega a súa aposta pola superación do actual marco institucional do Estado español, “que tan graves consecuencias ten para o desenvolvemento da nosa nación”.

No manifesto dise que “neste escenario de decrepitude total do sistema, é necesario erguer os soños e as esperanzas para defender a alegría e construír, desde o espírito transformador, indignado e rebelde unha sociedade nova na nosa República”.

“Os reiterados escándalos de corrupción que afectan ao Borbón e á súa familia veñen pór aínda máis en evidencia o anacronismo que supón nos nosos días a institución monárquica”

Para O BNG unha simple mudanza da forma do estado español (de monarquía a república) non supón unha mudanza de calado nin a resolución dos problemas se non vai acompañada dunha ruptura “coa dependencia á que Galiza está sometida”.

O escenario actual “coa política convencional indisimuladamente ao servizo do poder económico, coa corrupción instalada no corazón da xustiza, do empresariado, dos medios e da monarquía, coa xente sendo expulsada das súas casas polos mesmos bancos que estafan millares de persoas...”. fai necesaria unha ruptura. E para Galiza virá a man da soberanía, sostén o BNG.

Estado galego

“Por iso, as nosas conviccións profundamente democráticas e republicanas se expresan en galego, se simbolizan coa bandeira da nosa Patria e deberán concretarse, máis cedo que tarde, na construción do noso propio Estado, a República da Galiza”.