O BNG reclamará no Congreso a supresión de peaxes na AP-9

Camión de transporte de mercadorías circulando pola AP-9 (Foto: Arxina).

A formación nacionalista defenderá no senado unha moción para pedir un plan de rexeneración das rías galegas.

Esta cuarta feira, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelará ao Goberno estatal para solicitarlle a supresión de peaxes na AP-9, a anulación da prórroga da concesión a Audasa e un impulso á transferencia da súa titularidade á Galiza.

"Se a día de hoxe as galegas e galegos seguimos pagando peaxes na AP-9 é grazas ao Partido Popular”, asegura o deputado nacionalista, “e se hoxe pagamos menos é grazas ao BNG", reivindica Rego en relación ás bonificacións acordadas co Executivo central.

O deputado do BNG chama a aproveitar os reparos de legalidade da Comisión Europea sobre a última prórroga da concesión para "pór fin á estafa das peaxes abusivas e ao agravio que sofre Galicia" con esta autoestrada.

Da mesma maneira, Rego afirma que solicitará a "xestión directa" da AP-9 por parte do Estado e tamén que se axilice a tramitación da lei para a súa transferencia de titularidade á Galiza.

Recuperar a produtividade das rías

Por outra parte, a senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá tamén esta cuarta feira na Cámara Alta unha moción que pedirá ao Goberno estatal que inicie un "plan de saneamento integral" das rías galegas, co obxectivo de que recuperen a súa produtividade.

Da Silva lembra que en outubro de 2023 unha sucesión de temporais e abundantes precipitacións causou un impacto nos bancos marisqueiros das rías que xa supuxo perdas para a campaña de Nadal.

"Unha situación extrema que, máis que nunca, precisa de amparo e cobertura por parte da administración competente e dunha actuación áxil e eficaz", subliña a senadora do BNG, quen tamén denuncia "pasividade" por parte da Xunta da Galiza e pide o apoio ao resto de forzas na Cámara Alta.