O BNG recorre perante a Xunta Electoral Central o reparto dos espazos electorais

A Xunta provincial galega parte na distribución dos tempos do criterio de que o BNG como tal non se presentou en 2009 ás europeas por ir en coligación. Mais as xuntas vasca e catalá si que recoñecen ás formacións que ían en alianza co Bloque (ERC, EA e Aralar) os votos obtidos naquela cita. Para o portavoz nacional Xavier Vence,o que se pretende é “amordazar o nacionalismo galego”. 

O BNG vai presentar un recurso ante a XEC (Xunta Electoral Central) polo reparto dos espazos electorais nos medios públicos (TVG, Radio Galega, desconexións territoriais de TVE e RNE) decididos pola Xunta electoral provincial. Para o Bloque, esta distribución é unha “declaración de guerra” e algo “insólito”.

A Xunta electoral provincial parte de que o BNG non se presentou ás eleccións europeas de 2009 e, polo tanto, non tivo votos nin representación. En base a ese criterio, o tempo para o BNG nos medios públicos fica no nível do que van ter “a Falange ou o Partido X”.

Sen presenza

Mais o BNG si que concorreu a aquelas eleccións (obtendo 103.000 votos), facéndoo nunha coligación con ERC, EA e Aralar. De feito, as xuntas provinciais de Euskadi e de Catalunya compútanlle ás formacións políticas socias de coalición do BNG nos pasados comicios, -ERC, Aralar e Eusko Alkartasuna-, o número de votos obtidos nas eleccións de 2009 no seu territorio e lle asigna, en función deses votos, o tempo correspondente nos medios públicos deses territorios.

O portavoz nacional, Xavier Vence, cualifica a decisión de “un intento claro de censura co que se quere amordazar politicamente ao BNG, que vulnera os principios democráticos e da propia legalidade vixente, caso único, insólito no Estado español, co que se intenta censurar politicamente ao Bloque, coa intención de facer calar ao nacionalismo galego”.

“Actuación parcial que amosa animadversión”

O portavoz nacional insiste en que é unha decisión “inxusta, antidemocrática e ilegal da Xunta Electoral Provincial, cuxa actuación é parcial e amosa animadversión”. Un reparto co que se procura, di, “excluírnos da contenda electoral”.