O BNG reitera a necesidade dunha Compañía Ferroviaria Galega como garantía dun servizo acaído ás necesidades do país

Os portavoces do Bloque e Galiza Nova e a deputada no Congreso denuncian as poucas liñas e frecuencias, e os altos prezos do tren na Galiza. As últimas incidencias de comboios ateigados e con pasaxeiros sentados no chan, un exemplo.

 

O actual transporte ferroviario de Galiza non está á altura das demandas e necesidades da poboación galego nin en canto a número de liñas, nin en canto a frecuencias nin no que respecta a prezos, afirman BNG e Galiza Nova. As últimas incidencias de pasaxeiros viaxando de pé ou sentados no chan en vagóns ateigados son un exemplo máis, din ambas organizacións, desa situación, que precisa ser mudada xa. Os portavoces nacionais do Bloque, Xavier Vence, de GN, Alberte Mera, e a deputada no Congreso Rosana Pérez, denunciaron na estación de comboios de Compostela que “este servizo en Galiza é moi deficiente”. Vende demandou un “cambio de política” que pivotaría en tres eixos: aumentar o número de frecuencias, incrementar as prazas dispoñíbeis para as horas puntas, e revisar os prezos. Tres ideas que engloba na necesidade dun “cambio de filosofía” que supere a visión do tren centrada “en conectar Galiza con Madrid” para apostar en intercomunicar o país cun servizo público, ambientalmente sostíbel. O portavoz do BNG chamou a “camiñar cara unha Compañía Ferroviaria Galega” que xestione o servizo.

Rosana Pérez cualificou de “desastre” os servizos ferroviarios que se prestan no noso país e acusou Fomento de “pensar só en quitarse fotos en obras do AVE”. Pérez denunciou que se están a eliminar estacións intermedias (Padrón, Cesures, Catoira...), co que elo supón de prexudicar a comarcas enteiras. “Estamos cansos de insistir no BNG é un dos poucos territorios que non ten cercanías”.

“Isto é inxusto”

O portavoz nacional de GN considera que existe un verdadeiro “desleixo do Estado español” respecto do tren en Galiza, un desleixo “no que a mocidade somos dos principais prexudicados”. Alberte Mera puxo como exemplos que os últimos trens que saen de Vigo e A Coruña fano ás 21:00 e 21:10 horas, “cando en moitas aulas e traballos esa é hora de finalizar” o que lles impediría empregar o tren.

Os prezos dos billetes son, dixo, “inasumíbeis”. “De Santiago a Ourense entre 16 e 19 euros só o billete de ida; de Vigo a Compostela entre 11 e 16 euros”.

“É tempo de ter transporte de nós e para nós”, dixo Alberte Mera, que apostou en que Galiza ordene e xestione a rede de transportes no seu territorio.