O BNG reivindica cunha caravana simbólica de Lugo até Becerreá a mellora das estradas de titularidade estatal

Participantes na caravana, con Néstor Rego e Rubén Arroxo no medio da imaxe (Foto: Nós Diario)

O acto realizado este sábado pola formación nacionalista forma parte da campaña “Arranxo XA das nosas estradas” que reclama ao Goberno español un maior compromiso coas infraestruturas viarias esenciais.

O BNG levou a cabo este sábado un acto reivindicativo para demandar a mellora das infraestruturas viarias de titularidade estatal ante o que consideran “falta de compromiso e de investimento por parte do Goberno do Estado español”.

A acción consistiu nunha caravana de vehículos que partiu da cidade de Lugo (comarca homónima) até o concello de Becerreá (Os Ancares) para demandar do Goberno do Estado español un maior compromiso e investimento para reverter “a situación actual de abandono das infraestruturas viarias da súa titularidade A-6 ou as N-VI, N-540, N-640 e N-120 ao seu paso polos municipios galegos.

A través da campaña institucional e social “Arranxo XA das nosas estradas” impulsada polo BNG, a organización procura o arranxo destas infraestruturas a través de iniciativas institucionais acompasada co apoio social.

Comarcas illadas

O tenente de alcalde da cidade de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou que as comarcas polas que pasan esas infraestruturas sofren illamento “con serios problemas de comunicación, tanto a nivel ferroviario como por estrada”.

A día de hoxe, explica Arroxo, só ten a A-6 mais non ten rematada a autovía que conecta coa capital galega nin a que vai cara Ourense. “O propio estado das estradas que temos é bastante lamentábel causando problemas de comunicación mais tamén problemas de seguranza” denuncia o tenente de alcalde.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que participou tamén na caravana, asegura que “a A-6 e as N-VI, N-540, N-640 e N-120 son infraestruturas esenciais e estratéxicas” mais “o estado actual deixa moito que desexar e mesmo diminúe a seguranza viaria en estradas polas que circulan diariamente centos de vehículos”. Por este motivo, demanda un maior investimento nestas estradas “ao carecer dun medio de transporte como o ferroviario que permita vertebrar e conectar o territorio”.

“Queremos demandar a implicación do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel para que se comprometa a realizar, de forma urxente, as actuacións precisas para a mellora do firme destas autoestradas e estradas para garantir a seguranza de todas as persoas usuarias” avanza Rego.