O BNG reivindica o seu traballo de oposición ''cun pé na rúa e outro no Parlamento''

O grupo parlamentar nacionalista valora como un “auténtico desastre” o primeiro ano da segunda lexislatura de Núñez Feijóo, denuncia os intentos dos populares de ''secuestrar o Parlamento'' e clarifica: ''Seguiremos a facer oposición contundente, con rigor, dando voz os problemas da cidadanía e propoñendo alternativas''.

O BNG é unha ferramenta ''o servizo da cidadanía galega'' para plantar cara ás políticas do PP e para tecer unha alternativa que poña fin á situación “de emerxencia nacional e social que vive Galiza grazas a este goberno”. Francisco Jorquera e Ana Pontón, portavoz e vice-portavoz parlamentares do BNG, fixeron esta segunda unha valoración do primeiro ano parlamentar da segunda lexislatura de Núñez Feijóo, “o Atila do século XXI”, en palabras de Pontón.

“O PP emprega a súa maioría para ter secuestrado o Parlamento galego”

Para a fronte nacionalista, o goberno popular é responsábel dun “auténtico desastre social” na Galiza, coa aplicación dunhas políticas que “causan dor e sufrimento a milleiros de persoas”. O balance deste primeiro ano é, apunta Ana Pontón, desolador: “Unha Galiza máis empobrecida, con máis desigualdade social, con máis paro e emigración. E unha Galiza con menos servizos sociais, menos lingua e cultura galega...”.

Ataque ás liberdades

E eses recortes e danos no social e económico tamén os practica o PP, afirma o BNG, no campo parlamentar. “O goberno actúa como opositor da oposición”, denuncia Jorquera, que lembra como o PP aproveita a súa maioría para deixar sen contido e sen sentido comisións como a de investigación das caixas ou sobre a corrupción.

Nestes meses de lexislatura o BNG rexistrou no Parlamento 3.382 iniciativas

Para Ana Pontón, hai unha “estratexia do PP de ataque á democracia”, estratexia que se asenta nos “recortes de dereitos e liberdades” e no proceso de “recentralización”. E, sobre todo, “nun Parlamento galego secuestrado pola maioría do PP”.

Contundencia, rigor e alternativas

O BNG defendeu a oposición “cun pé na rúa e outro no Parlamento”, apostando por unha oposición “contundente e con rigor, que de voz os problemas da xente e que non se limite a dicir non senón tamén a dar alternativas”.

Pontón informou de que neste ano de sesión parlamentar o BNG rexistrara un total de 3.382 iniciativas, e Jorquera enfatizou a importancia de “estar centrados nos problemas da cidadanía” e de que o traballo desenvolvido permita ver que “hai unha alternativa”.