O BNG reúne Beiras, Francisco Rodríguez, Encarna Otero e Ana Pontón no seu 40 aniversario

Rubén Cela e Ana Pontón presentaron os actos de conmemoración do 40 aniversario do BNG.

O Bloque Nacionalista Galego lanza un documental con motivo dos 40 anos da súa fundación no que xunta históricos dirixentes da formación.

A fita leva por título Setembro do 82, o nacemento da unidade nacionalista e a súa estrea terá lugar a vindeira cuarta feira, 14 de setembro, en Compostela. Será no Teatro Principal ás 20 horas, onde se darán cita figuras históricas da organización xunto ás que agora lideran o partido.

O documental recolle o testemuño de Ana Pontón mais tamén de persoas que xogaron un papel relevante na asemblea fundacional de Riazor, entre outras Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Encarna Otero, Lois Diéguez ou María do Carme García Negro, nomes "chave" para entender o pasado e o presente do nacionalismo galego.

O BNG deu a coñecer esta sexta feira os actos de conmemoración do seu 40 aniversario, nunha presentación na que tamén avanzou a publicación dun libro sobre a historia do BNG, unha recompilación que verá a luz ante o pública o próximo 21 de setembro en Vigo: 40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022.

A Galiza de hoxe é moi diferente á Galiza de 1982, mais hai unha cousa que non mudou, e esta é a necesidade dunha forza política emancipadora

"Son 40 anos que demostran que o BNG ten un proxecto sólido, cargado de presente e de futuro, porque o Bloque é a forza política da Galicia que vén", proclamou hoxe a voceira nacional Ana Pontón en rolda de prensa, na que afirmou que o BNG naceu "para gañar e ser a forza hexemónica na Galiza".

Aniversario

"Estamos en disposición de darlle aos galegos e galegas unha alternativa de goberno", resumiu Pontón. A portavoz do BNG compareceu xunto ao presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, quen adiantou ademais destas dúas citas unha terceira na cidade herculina.

O 25 de setembro o Bloque festexará o aniversario da súa fundación no frontón de Riazor, na Coruña, o mesmo día e lugar no que botou a andar en 1982 e farao nun encontro con máis de mil militantes e simpatizantes.

"A Galiza de hoxe é moi diferente á Galiza de 1982, mais hai unha cousa que non mudou, e esta é a necesidade dunha forza política emancipadora", salientou Ana Pontón.

No acto central da Coruña o BNG conmemorará o seu nacemento coa unión da UPG, AN-PG, PSG e outros colectivos independentes. Noas anos 90 a fronte nacionalista consolidou a súa posición. En 1997 conseguiu con Xosé Manuel Beiras como portavoz nacional dar o 'sorpasso' por primeira vez ao PSdeG-PSOE co 24,8% dos votos e 18 escanos.

Presenza en Europa

Outro dos momentos chave na súa historia foi a chegada do Bloque ao Parlamento Europeo con escano propio, un logro que converteu en eurodeputado a Camilo Nogueira, recoñecido pola Xunta do PP coa Medalla Castelao 2022.

Xa na primeira década dos 2000, o BNG, con 13 deputados, alcanzou a Vicepresidencia da Xunta con Anxo Quintana como máximo dirixente nacionalista e gobernou xunto ao PSdeG de Emilio Pérez Touriño, como presidente, ata que en 2009 o adianto electoral devolveu as rendas de San Caetano á maioría do PPdeG.

Após a caída electoral, o BNG iniciou un período de crise interna que culminou en 2012 coa Asemblea de Amio, que desembocou na fractura e saída de dous grandes bloques internos e a marcha, entre outros, de dirixentes históricos como Xosé Manuel Beiras, que ese mesmo ano concorreu ás eleccións cunha nova marca nacionalista, Anova, en coalición con Esquerda Unida, e irrompeu con 9 deputados por diante do propio Bloque.

Resistencia e escalada

A segunda década dos anos 2000 foi, para o BNG, un percorrido de resistencia no que chegou a quedar con cinco deputados nas eleccións 2016, en pleno auxe das chamadas candidaturas das confluencias.

Coas mareas e candidaturas da denominada esquerda alternativa desinfladas, un BNG á alza conseguiu da man de Ana Pontón, por segunda vez na historia da democracia actual, adiantar o PSdeG nas eleccións autonómicas de xullo de 2020 con 19 escanos, o seu teito electoral até o momento.