O BNG rexeitará na UE a instalación dunha planta de residuos en Coeses

Mobilización contra a planta de Coeses, esta sexta feira en Lugo. (Foto: Nós Diario)
Ana Miranda anunciou que rexistrará iniciativas no Parlamento Europeo para reclamar unha análise en profundidade dos efectos negativos da planta de Xestión de Residuos Orgánicos e Biometanización.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, visitou esta sexta feira Lugo, onde anunciou que rexistrará iniciativas no Parlamento Europeo para reclamar unha análise en profundidade dos efectos negativos sobre o medio, os recursos hídricos e a veciñanza do proxecto para a instalación dunha planta de Xestión de Residuos Orgánicos e Biometanización en Coeses (Lugo).

A europarlamentaria do BNG criticou deste proxecto a falta de garantías ambientais e dixo que reclamará “rexeitar a solicitude de fondos europeos no caso de que soliciten”. Miranda estivo acompañada polo portavoz do BNG no Concello e tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a deputada Montserrat Valcárcel.

No acto reiteraron o apoio do Bloque Nacionalista Galego á "importante mobilización veciñal" que espertou este proxecto. Ademais, o BNG xa rexistrou iniciativas no Congreso e no Parlamento galego. O 27 de setembro haberá unha nova mobilización. 

Informe sectorial

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) advertiu nun informe sectorial solicitado pola Xunta da Galiza para avaliar o impacto ambiental da planta de biometano proxectada na parroquia de Coeses, en Lugo, que o leito do río ao que irían parar as verteduras resultantes do tratamento biolóxico dos residuos é de "moi escasa entidade como para conseguir unha autorización favorábel".

O organismo, que elaborou o estudo no marco dun proceso administrativo aberto pola Xunta pero que carece de poder de decisión con respecto á execución do proxecto, entende que a capacidade de dilución dos residuos líquidos vertidos ao regato de Vilalbite, que desemboca no Miño, sería moi limitada.

Desde a presentación deste proxecto, para o que se abriu un proceso de exposición pública cun prazo para presentar alegacións que xa venceu, as voces veciñais contrarias á instalación da planta de biometano non pararon de multiplicarse.

"O que pretenden facer aquí é centralizar a recollida de refugallos da industria cárnica, láctea e conserveira nun mesmo punto. E todo o tratamento deste proceso de dixestión anaeróbica vai producir olores e provocar verteduras contaminantes", explican desde a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo