O BNG solicitará a convocatoria da Deputación Permanente para que Rueda explique "o escándalo" do Cunqueiro

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o pasado 25 de xullo en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Os 470 millóns de euros de sobrecuste que o Consello de Contas veu na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, con Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta da Galiza, son para Ana Pontón o prezo da “obsesión do PP por privatizar a sanidade pública”.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou este domingo que vai solicitar a convocatoria da Deputación Permanente do Parlamento galego para que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, "compareza para dar explicacións" ante o "escándalo" do contrato da obra do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

En declaracións aos medios na Romaría Viquinga de Catoira (comarca de Caldas), Pontón volveu criticar a "neglixente xestión do público" que fai que as galegas e os galegos paguen "un sobrecusto de 470 millóns".

Ademais, afirmou que pide esta comparecencia para que Rueda explique "que pasos van dar para acabar con esta estafa", porque, engadiu, "toda a cidadanía da área sanitaria de Vigo ten dereito a ter un hospital público que funcione ben e polo que non haxa que pagar máis do que realmente custou".

Tras coñecerse esta cuarta feira o Informe de Fiscalización do Contrato de Concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo publicado polo Consello de Contas, que conclúe que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como levou a cabo a Xunta, xa que suporía un aforro de máis de 470 millóns de euros (IVE incluído), Pontón afirmou que isto é o custo da "obsesión do PP por privatizar a sanidade pública".

"É un escándalo", reiterou Pontón antes de volver sinalar que a Xunta "ten que asumir as súas responsabilidades e dar a cara" porque, tal e como apuntou, "con eses 470 millóns poderíanse contratar 650 médicos, poderíanse renovar todos os equipos de resonancia, TAC, mamografías do conxunto de hospitais".

"Habería que pedirlle a Feixoo e a Rueda que asumisen eles este sobrecusto. A Xunta e o presidente teñen que dar a cara. Non poden pensar que poden escapulirse ante un asunto tan grave e de tanta relevancia", insistiu.