O BNG teme que o goberno queira seguir na TVG o modelo de privatización doutras autonómicas

TVG

A deputada Montse Prado preguntou polo procedemento aberto para a contratación do servizo da unidade móbil para eventos televisivos para TVG da que dixo constata “a intención de externalizar os servizos”.

 

Camiña a TVG cara un modelo de privatización como gobernos do PP fixeron noutros territorios coas canles autonómicas? A pregunta pairou sobre o debate na Comisión permanente de contral á CRTVG desta sexta feira da man dunha intervención do BNG. A deputada nacionalista Montse Prado inquiriu sobre o procedemento aberto para contratar retransmisións en directo mentres unidades da propia compañía pública están infra-utilizadas. A parlamentar do BNG considera que se constata unha “intención de externalizar” os servizos. O que é motivo da preocupación á vista de como o PP segue noutros territorios modelos de privatización das televisións públicas autonómicas.

Hai un mes o Comité Interempresas da CRTVG denunciaba que a Televisión de Galicia estaba a tramitar un concurso público “para externalizar en bloque parte das retransmisións que efectúa ao longo do ano”. Con este concurso, ao que só se presentara naquela altura a empresa SeteMedia, a produtora privada podería realizar até 30 retransmisión de eventos televisivos en vintecatro meses por perto de 150.000 euros.

Liña vermella

"Traspásase unha liña vermella, xa que é a primeira vez en 30 anos de existencia do medio publico en que esa importante parte da produción pasa a mans privadas de xeito deliberadamente programado” , manifestara o comité.

O director xeral  de CTVG, Sánchez Izquierdo, negou que este procedemento fose unha "privatización" e limitouse a aclarar que supoña unha "unha mellora da eficiencia". Recoñece qu pode haber "infrautilización" de certas unidades mais sinala que foron contratadas por anteriores direccións e sen o equipamento humano necesario.

“Manipulación”

Na súa intervención a deputada do BNG, Montse Prado tamén lamentou que a “pluralidade” defendida polo director xeral da CRTVG, Sánchez Izquierdo é “manipulación informativa ao servizo do Partido popular”. Retou o director xeral a crear unha “comisión monográfica” para tratar todas as informacións emitidas pola TVG, ao seu xuízo, de “maneira partidista”.

Para a deputada socialista Carmen Acuña a CRTVG ofrece información non imparcial, manipula a mensaxe e ofrece un “escaparate” para o “triunfalismo imperdoable do goberno” mentres silencia as críticas.

"Carrexo"

Sánchez Izquierdo, cuestionado polo deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Juan Fajardo, sobre la imputación dun membro do Consello de Administración da CRTVG por 'carrexo' de votos, dixo que "non teño atribucións para nomear nin cesar" pois iso é potestade do Parlamento.