O BNG urxe preservar e pór en valor o patrimonio de Ourense

Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense. (Foto: Nós Diario)

O patrimonio histórico ourensán atravesa un momento crítico. O deputado nacionalista, Iago Tabarés reclama alternativas as Administracións.

As denuncias polo deterioro do patrimonio en Ourense non son novas. Hai uns anos, a propia Facultade de Historia do campus de Ourense advertía da situación de risco dalgúns Bens de Interese Cultural (BIC).   

Iago Tabarés sinala que “Ourense conta con 77 bens catalogados como de interese cultural que se distribúen en 42 concellos, sendo a cidade de Ourense, o concello que conta cun maior número, seguido de Ribadavia, Allariz e Celanova, e estando a metade dos BIC en concellos que só contan cun ben catalogado”.

Lista vermella

O deputado nacionalista alerta que que “tal e como se ben advertindo desde hai anos, existe risco de ruína en varios deles, nomeadamente a Torre de Sande en Cartelle, o Mosteiro de Santa María de Melón, a Torre de Torán en Taboadela e o Mosteiro de San Paio de Abeleda en Castro Caldelas”.

O propio Foro Líceo de Ourense vén de publicar un informe sobre o Estado dos monumentos histórico arquitectónicos, onde denuncia os problemas de sinalización e accesibilidade do patrimonio.

Tabarés lembra que “o informe abrangue 106 monumentos constatándose que a meirande parte deles precisan de actuacións de conservación e mantemento. Asemade detectouse un gran déficit na sinalización, tanto para a súa localización, como sobre a súa identificación, denominación e historia”.

Aceso

 “Dos 90 monumentos cuxo desfrute exixe de apertura só en 39 dos casos é posíbel, tendo que facerse en 14 casos en horario de culto, xa que logo, dos monumentos que precisan de apertura para seren visitados só nun 28% dos casos existe esa posibilidade”, asegura Tabarés “estando excluídos deste aceso público boa parte do patrimonio eclesiástico románico, no que Ourense é un referente destacado”.

 “Ourense posúe numerosos recursos e potencialidades susceptíbeis de ser aproveitados para xerar actividade económica e benestar da cidadanía que se están a desaproveitar”, continúa Tabarés,  “cando non estragar, pola falla de interese por parte de quen ten a responsabilidade da súa xestión e coidado”.

O deputado nacionalista vén de presentar unha proposición na que “insta á Xunta de Galiza a impulsar as medidas necesarias para a conservación, mantemento e valoración do patrimonio histórico arquitectónico de Ourense”.