“O BNG veu á Deputación para cambiala”
Desborda enerxía. Anuncia que, de comezar a citar os proxectos que impulsa desde a Área de Igualdade e Benestar Social da Deputación da Coruña que ela dirixe, precisaría dun tempo que excede esta entrevista. Ánxela Franco Pouso, concelleira do BNG en Porto do Son, defende que a área de servizos sociais é un investimento no máis urxente e necesario e critica que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, “siga tratándoa como área de gasto”. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 284.
Cando chegamos ao goberno da Deputación, había moita subvención nominativa froito da forma de goberno propia do PP. Cal é o problema? Se non coñecemos a realidade social e o contorno, tampouco saberemos que necesidades realmente hai que cubrir. De aí sae o estudo ao redor do mundo das mulleres e tamén do benestar nos concellos. Este traballo xa tiña que ser iniciativa da propia Xunta. A miña pregunta é como podes actuar con eficacia se descoñeces a realidade que tes?
Estamos moi orgullosas como área de ter dado este paso e a pena é non ter xa os resultados enriba da mesa. Unha vez que os teñamos, faremos unha reconstrución das fórmulas de subvención, tanto para entidades como para administracións, para que o diñeiro sexa eficiente á hora de actuar. Tratamos de facermos así con todo. Por exemplo, para construírmos a igualdade nos centros de ensino antes de encetarmos un proxecto estudamos ese centro, aquí non é café con leite para todos. E é que non é igual un concello como o da Coruña que un da Costa da Morte. A ninguén se lle ocorrería chegar a unha praia e plantar patacas. Para plantar algo, hai que ter o terreo aboado e así é como realmente transformas. Quizais eleitoralmente non sexa o máis rendíbel, mais a nós o que nos interesa é deixar e, sobre todo, continuar un traballo moi ben feito.
Cales son as previsións temporais desas diagnoses?
A de muller rematarase a finais deste ano e tivemos a fortuna de que a empresa que colleu a diagnose de benestar solicitou rematar o traballo antes, co cal, antes de que remate o mandato teremos dous documentos con moitísimo peso e información.
Chama a atención esa aposta no futuro, tendo en conta que as medidas se aplicarán en 2019, ás portas das eleccións municipais e cando remata o mandato actual.
Nós aspiramos a seguir no goberno e continuar avanzando na liña do que levamos feito, que é moito e sólido. Cremos realmente no que facemos. O BNG na Deputación da Coruña aposta nas cousas importantes, mentres outros gobernan por urxencias. O BNG veu á Deputación para cambiala e como exemplo temos o Plan Único, unha aposta decidida na autonomía dos concellos que supón mudar a política municipal e co maior orzamento consignado nun plan da Deputación na súa historia (188 millóns de 2017 a 2018). Para min, e falo a nivel persoal, sería o pesar máis grande levar catro anos na Deputación e non deixala impregnada de cousas boas para a xente. Sinceramente, considero que na nosa área estamos a facer unha transformación de fondo e estou moi orgullosa e satisfeita do traballo feito. O Plan Único e a aposta seria en benestar pode ser un antes e un despois na deputación e a respeito da igualdade, a Deputación está á cabeza das institucións.
[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 284, á venda na loxa e nos quiosques habituais]