“O BNG xa dixo non a Maastricht en 1992”, lembra Adán nun mitin con Bildu

A deputada do Bloque participou nun acto de campaña da formación abertzale en Iruñea, onde sinalou á Unión Europea como a culpábel “de condenar a miles de galeg@s á non poder producir e a ter que emigrar”. VÍDEO NO INTERIOR

O BNG volveu participar nun acto electoral de Bildu en Euskal Herria, neste caso en Iruñea, onde a deputada nacionalista Carme Adán recordou que “nós xa dixemos non a Maastricht en 1992”, facendo referencia á histórica posición crítica que mantivo o Bloque respecto a este modelo de Unión Europea, que, segundo Adán, “condena a galegos e galegas á miseria e a non producir, obrigando á nosa mocidade a emigrar como hai corenta anos. 110.000 moz@s tiveron que marcharse nos últimos cinco anos”.

Aliás, a deputada galega afirmou ante os centos de persoas que seguían o acto que “a UE mantén unha política de servidume co grande capital que só busca recortar dereitos sociais e políticos”: Para combatir ese modelo pero tamén para defender “o dereito a decidir dos pobos”, foi polo que Adán explicou que o BNG forma parte xunto con Bildu da coalición Os Pobos Deciden.

"Váilles doer que esteamos en Europa" sinalou o candidato da formación abertzale, Josu Juaristi

No acto tamén participou o cabeza de lista da formación vasca, Josu Juaristi, que presentou a súa papeleta “como a que lle doe ao réxime, o único voto válido para confrontalo”. “Dóelles ver como transformamos a sociedade, como estamos na rúa, e, xa imos avisando, váilles doer que esteamos en Europa”.

Dúas das tres enquisas publicadas pola prensa sistémica española o domingo concedíanlle representación en Bruxelas á listaxe da que participa o BNG.