O Borbón maior busca manter o seu poder e agora quere crear un lobby

Mariano Rajoy e Juan Carlos de Borbón [Imaxe La Moncloa]

O antigo El-Rei Juan Carlos segue nos corredores das elites malia a operación cosmética que impuxo a súa abdicación. Agora quere crear una Fundación que actúe como ariete de influencia sobre as políticas públicas.

Debía estar descansando, reservando a súa triste saúde para algún acto simbólico e, quen sabe, dedicado a gozar desa inmensa fortuna que moitas informacións lle atribúen, cunha orixe nada brillante. Mais non. O pai do actual Rei, o que exerceu de monarca durante catro décadas -como o seu antecesor, que o nomeou, Francisco Franco- Juan Carlos I de Borbón quere seguir mandando. Desde as sombras.

'El País' di que a Fundación estará composta por "grandes personalidades", ou sexa, outro poder paralelo

Segundo conta o diario madrileño El País -que ten excelentes relacións coa Casa Real- o patriarca borbónico non só manobra para evitar que a súa filla sexa condenada polo escándalo Urdangarín, senón que ten en mente criar unha Fundación “con grandes personalidades”, que se supón levará o seu nome. E que, de seguro, se converterá nun lobby de grande influencia para beneficiar as elites que forman parte do seu círculo. Máis que posíbel é que ese grupo se convirta nun poder paralelo, outro máis, e que intente ditar as políticas públicas sen pasar polas urnas, como ocorre coa monarquía.

A maiores, o diario afirma que Juan Carlos de Borbón non pensa divorciarse, malia que hai anos que non convive coa súa esposa, a que foi Raíña Sofía, aínda que mantiveron con cartos públicos unha aparencia de “normalidade”.