Buitrón afirma que Yolanda Díaz é coautora do documento que excluíu as propostas galegas

García Buitrón con Monedero

Continúa a polémica política arredor do documento que manexa Podemos, En Comú Podem e En Marea na negociación co PSOE, a conta da ausencia no texto de propostas galegas.

Beiras atribuíu o problema a unha "falta de conexión" entre as/os parlamentares de En Marea e Podemos, mais o coordenador da xestora da organización podemita na Galiza, José García Buitrón, non avala esta visión do veterano líder de Anova. En realidade, García Buitrón nega a maior. En declaracións a La Voz de Galicia, recusa a tese de que o texto ningunee Galiza. "Tampouco hai ningunha proposta sobre Estremadura e Castela-A Mancha", afirma.

García Buitrón vai alén diso ao revelar que Yolanda Díaz, coordenadora de Esquerda Unida, é unha das coautoras dun documento no que se estabelece a tese de que o Estado debe aceitar o dereito a decidir daquelas "nacións" que o pidan "con especial intensidade". Esa "especial intensidade" non debe ser de aplicación a Galiza, a xulgar polo documento, que limita a demanda de referendo a Catalunya, deixando fóra a proposta dunha consulta para Galiza realizada por Alexandra Fernández, portavoz de En Marea, en distintas comparecencias perante os meios.

Buitrón ten un perfil político -durante anos estivo nas proximidades do PSOE coruñés- moi distante das posicións de Anova dentro de En Marea. En todo caso, ao sinalar Yolanda Díaz como coautora do documento, refuta a tese beirista do "desfase" ou da falta de coordenación entre En Marea e Podemos.