Caamaño convoca primarias no PSOE da Coruña con duros ataques a Gómez Besteiro

caamaño

A imposibilidade de presentar unha lista única no Congreso e as diferenzas internas levan ao ex-ministro de Xustiza -agora aliado de Pachi Vázquez e que falou de "golpismo" e presións da dirección galega- a deixar no aire un posto no que nunca acadou o peso que esperaba.

Era un descoñecido público pero unha persoa con moito peso na fontanería zapaterista. Chegou a  ministro de Xustiza, pero coa caída do proxecto do que formaba parte a súa aterraxe en Galiza, onde chegou a soar como candidato á Xunta, resultou sendo moito menos feliz do que agardaba, até que agora, sen case apoios, decide dimitir e reiniciar, sen perder o escano no Hórreo. Trátase de Francisco Caamaño, que anunciou esta mañá que convocará primarias despois do verán para elixir a unha persoa que ocupe o seu actual posto como secretario xeral do PSOE da provincia da Coruña. Non especificou se optaría á relección.

O detonante desta decisión, que leva tempo no ambiente, foi o suposto acordo de presentación dunha lista de consenso para a delegación no Congreso estatal, que non se respectou por parte dalgúns sectores -achegados á dirección galega- que presentaron unha pola súa conta, de carácter crítico con Caamaño, que decidiu así tomar a decisión despois dun grande enfado. As diferencias no PSOE da provincia coruñesa son bastante fortes, e agárdase unha importante batalla de cara ás listas municipais.

A nivel nacional, Caamaño -tras varios cambios de bando- está considerado agora un dos apoios de Pachi Vázquez e o seu grupo, a auténtica oposición interna ao secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro. E o líder galego foi obxectivo dos ataques de Caamaño, que acusou á súa Executiva de manobrar como aparato na súa contra, nun acto que cualificou de "golpismo". Aínda que as forzas están descompensadas e Besteiro saíu reforzado da súa aposta por Pedro Sánchez nas primarias estatais, ábrese agora unha guerra aberta no PSOE galego, que segue en crise de apoios tamén entre a cidadanía.