FRANCISCO JORQUERA/MUNICIPAIS 2015

’’Para un cambio político é fundamental que as propostas municipais estean nun proxecto galego’’

O portavoz parlamentar do BNG fala na entrevista en 'Galicia por Diante' dun Bloque en “proceso de recuperación”, implicado no “traballo de rúa” e incorporando xente nova a través de vías como as Asembleas Abertas.

 

O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, considera que para conseguir un cambio político en Galiza “é fundamental que as propostas municipais estean inscritas nun proxecto galego”. Así o manifestou na entrevista no programa ‘Galicia por Diante’, da Radio Galega. Preguntado sobre a cita electoral do 24 de maio. Jorquera dixo que vai haber candidaturas do BNG-Asembleas Abertas na “práctica totalidade” dos concellos, destacando que xorden “dun proceso aberto e participativo, no que se incorporou moita xente nova, implicada, sen adscrición partidaria ”.

Defendeu como un valor do Bloque ser a forza política “que ten un proxecto para Galiza” e que inscribe as súas propostas nos concellos “nun proxecto de país”. Polo tanto, engadiu, “un proxecto que vai máis aló de posicións de carácter cantonal”.

“Aprender dos erros”

Jorquera falou a capacidade do BNG para “aprender dos erros” e tomar nota “das mensaxes da sociedade”, fuxindo da “auto-compracencia”. Defendeu a política como unha práctica “que non se substancia unicamente nas institucións”, incidindo no “traballo de base, na rúa” que fai a organización nacionalista e que “nestes tempos démoslle máis importancia”.

Unha práctica que vai da man do proceso de "recuperación" do BNG após os "problemas" destes anos, e que está a callar na "incorporación de xente", persoas "ás que se lle dá voz e que non son espectadores, senón co-partícipes" dun proxecto.

Non haberá pactos globais

O BNG descarta un escenario de pactos globais, “de pactos por arriba”, dixo o portavoz parlamentar nacionalista, sinalando que os pactos serán examinados por cada concello e en base ao “programa” e tendo claro que a posición é de “que o PP non consolide o seu poder hexemónico”.

Preguntado sobre acordos post-electorais con forzas que leven imputados, Jorquera recordou que no BNG calquera persoa “imputada nun presunto delito de corrupción abandona o cargo. Iso nós practicámolo”.

Marés

As marés e plataformas cidadás que concorren neste 24M tamén foi outra das cuestións sobre as que se preguntou a Francisco Jorquera, que sostivo que estas candidaturas “son diversas e variopintas”, polo que non acae unha única interpretación. Si que manifestou que tras “moitas destas candidaturas” non nacen “da cidadanía” senón de “partidos que levan anos actuando en Galiza”.

En todo caso, situou o BNG como unha forza política que non fai da “nova política” un “slogan” senón que a “practica”, pondo o exemplo as Asembleas Abertas.