Campaña do BNG para animar a mocidade a usar o galego nas redes sociais

Propón crear unha canle pública en galego específica para público infantil e xuvenil 

O BNG vén de lanzar unha a campaña especialmente dirixida ao colectivo de xente moza e centrada no que, a día de hoxe, é o seu espazo de comunicación de referencia: as redes sociais e aplicacións móbiles como whatsapp. Unha campaña, co gallo do Día das letras Galegas, nas que se chama a tirar con prexuízos e apostar no galego.

‘Aos prexuízos, sácalles a lingua’ é o título do vídeo no que o BNG anima a xente moza a usar o galego sen ningún tipo de complexo tamén nas súas redes sociais, superando tópicos e lugares comúns. “Convidamos á xente moza a sumarse á rebeldía do galego, sen prexuízos, para que sexan o motor da recuperación do noso idioma, que sexan protagonistas no proceso de normalización da lingua”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Os  datos do Consello da Cultura Galega indican que cada día compártense máis de 60.000 millóns de mensaxes de whatsapp en todo o mundo, máis de 1.500 millóns usan facebook e 943 millóns acceden a diario a esta rede social mentres que, cada mes, 500 millóns de persoas usan instagram. De aí a importancia de que o galego estea nesas redes.  Pontón salientou a “vitalidade” do galego nas redes socias, que ocupa o lugar número 26 na lista de linguas máis usadas en internet, dato significativo tendo en conta que hai censados 6.000 idiomas diferentes.

O BNG denunciou a “asfixia económica” que o Executivo galego comete coa lingu,a cun recorte de 100 millóns de euros para normalización lingüística. “Así é imposible avanzar no uso do idioma que precisa apoio e estímulo, pero recibe recortes”, opinou. “

Debuxos e series en galego

O Bloque formula dúas propostas concretas a favor do galego focalizadas na xente moza no ámbito do ensino e no ámbito audiovisual. No que atinxe ao primeiro, propuxo unha nova política lingüística no ensino “integradora”, que garanta que todos os mozos e mozas teñan o mesmo coñecemento e manexo do galego e do castelán. E, en segundo lugar, crear na televisión pública unha canle específica para o público infantil e xuvenil con programación de calidade que aporte referentes modernos e actuais en galego ás novas xeracións, a través de produtos como os debuxos animados ou as series de televisión.