“Esta candidatura achega pluralidade e riqueza ao BNG, valores que non todas as organizacións teñen”

Carlos Branco (á nosa dereita), con Raquel Suárez e Xosé Deira, que tamén integran a candidatura

Falamos con Carlos Branco,concelleiro boirense que encabeza a lista de 20 militantes alternativa á proposta polo Consello Nacional, que se presenta nesta XV Asemblea Nacional.

 

Carlos Branco Ansoar é concelleiro do BNG en Boiro e encabeza a candidatura impulsada por 20 militantes, nomeadamente da comarca da Barbanza, á XV Asemblea Nacional, unha lista na que figura a súa compañeira de corporación Raquel Suárez, ben como a tenente alcalde de Rianxo e militantes de A Pobra e Ribeira, entre outras localidades.

-Que vos leva a presentar unha candidatura alternativa á que impulsa o Consello Nacional saínte?

-Presentar unha candidatura é un dereito que os estatutos do BNG recoñecen á militancia, e consideramos que xa que se está a falar de refundación, de renovación, é interesante que haxa diferentes listas. Consideramos ben que o Consello Nacional faga a súa proposta, e nós presentamos unha candidatura para achegar pluralidade e riqueza, poñendo en valor estes valores do Bloque, que é algo que non todas as organizacións teñen.

-Mais presentar unha candidatura circunscrita practicamente a unha comarca, Barbanza, non é habitual. Non falastes con outras?

-Foi algo que xurdiu nos días nos que debatiamos os documentos a análise para a Asemblea Nacional. Na asemblea comarcal xurdiu unha proposta expoñendo que xa que se produce este proceso, esa renovación, sería bon que houbese listas alternativas. E a partir de aí un grupo de xente comezamos a falar. Aquí a xente do BNG traballamos sempre en plataformas, colectivos, en organizacións, desde a base. É esa xente de base a que alimenta e enriquece o BNG e consideramos que esa xente tamén pode conformar listas e presentarse.

"Non somos partidarios de concorrer [ás eleccións] coas 'marés', mais tampouco se debe pechar a porta a ninguén"

- De cara a esta XV AN hai dúas cuestións que semellan ser as que centran o debate: o ritmo e envergadura da refundación e a política de alianzas de cara ás eleccións galegas. Tendes posicionamento ao respeito?

-Nós queremos evidenciar que o BNG pertence a todos, é de todos, e que todos temos que decidir. Na refundación gostariamos que fose en menos tempo e efectiva, con vontade real de cambiar, con novas caras.

-E nas alianzas?

-Non somos partidarios de concorrer [ás eleccións] coas 'marés', mais tampouco se debe pechar a porta a ninguén, a falar e debater, sempre que se nos respecten as nosas ideas, somos nacionalistas.

-Que esperades da asemblea que vai decorrer este domingo na Coruña?

-Pois esperamos con ilusión que sexa o que se pretende dela. Pase o que pase o nacionalismo vai seguir, non é unha moda como poden ser outras, é o BNG ten que ser unha ferramenta útil á xente.

-De aquí ao domingo podería haber algún tipo de acordo coa candidatura proposta polo Consello Nacional?

-A política é a arte de dialogar, de falar. Non temos ningún problema en escoitar.