A SúA PREFERENCIA, POR UN GOBERNO DE COLIGAZóN

Carmena desmárcase de Podemos e di que sería "bonito" apoiar a investidura de Sánchez

Manuela Carmena

A investidura xógase tamén na area dos gobernos municipais. Nese escenario, executivos participados ou apoiados por Podemos dependen dos votos do PSOE. 

 

A alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, reclamou ás “forzas do cambio” un apoio á Pedro Sanchez na segunda sesión de investidura que decorre esta sexta feira para que o socialista saíse así presidente. Díxoo na mañá desta quinta feira, nunhas declaracións nas que aseguraba que “o peor” escenario posíbel era repetir as eleccións. "Creo que non é bo que esteamos sen goberno. Desexaría con todas as miñas forzas que do vindeiro debate saíse un acordo cun Goberno forte de cambio", dixo.

Unha afirmación que colleu ao vóo o PSOE para pedir, por boca do seu voceiro parlamentar, Antonio Hernando, a Podemos que “atendan o que lle di a alcaldesa de Madrid”. A frase da rexedora axiña se propagou por redes sociais e polos medios de comunicación. O impacto das mesmas levou a Carmena a poñer na súa conta de Twitter un chío explicatorio no que se pedía que “ninguén me malinterprete”. “Un goberno forte e de cambio é un goberno de coligazón de PSOE e Podemos”, escribiu.


Tentaba así a rexedora matizar unhas primeiras declaracións que semellaban un desmarque da posición de Podemos e confluencias, que manteñen o seu voto de non á investidura de Sánchez na segunda votación. Unha petición, apoiar a investidura de Pedro Sánchez, que non debe extrañar se a enmarcamos na lóxica dun gobernos municipais, “do cambio” ou “rebeldes”, segundo algunhas definicións, que ou ben se formaron ou ben se manteñen grazas ao apoio implícito ou explícito do PSOE.