Casado confía a Feixóo unha Convención extraordinaria do PP para "abrirse á sociedade"

Imaxe do acto do PP en Cotobade.

O presidente dos populares españois elixiu Cotobade para a apertura do curso político, cun PPdeG entregado ao novo líder deste sector da dereita española.

Entre os costumes que Mariano Rajoy instalou no PP español estaba a de situar en Galiza o acto de apertura do curso político. Unha tradición que o novo presidente dos populares, Pablo Casado, decidiu manter, de aí que este sábado unha carballeira en Cotobade fora o escenario para que o líder do PP trazase as liñas básicas do seu partido para os vindeiros meses.

 

Casado atopou un PPdeG entregado até a pleitesía, na que as mensaxes e discursos situábando como o 'Cid Campeador' da dereita tradicional española que ía bater e derrotar tanto o goberno de Pedro Sánchez como, e este é para eles o inimigo principal, o independentismo catalán.

 

O presidente do PP anunciou que o 1 e 2 de decembro haberá 'Convención Nacional' extraordinaria do PP, unha cita que será "liderada e coordenada" por Núñez Feixóo. Unha convención, afirmou, que vai ser o "punto de partida" para elaborar os programas electorais e para falar dunha "actualización, que non reforma" da Constitución que a fortaleza fronte os "falsos demócratas".

 

"Voulle propoñer a Feixóo que a Convención trate sobre a apertura do partido á sociedade e sobre a actualización, que non reforma, da constitución", dixo.