Os casos de corrupción en Galiza aumentaron un 21 por cento o ano pasado

Corrupción

O fiscal superior presentou a Memoria do seu organismo en 2013, que advirte do peso do branqueo de capitais e da prevaricación administrativa.

Os casos de corrupción en Galiza aumentaron en 2013 até os 184 delitos incoados, o que supón un 21 por cento máis que no ano anterior, segundo recolle a Memoria da Fiscalía, que revela que o total de procedementos penais tramitados por delito descendeu un 6,34 por cento, xusto cando defectos de forma comezan ou ameazan con deter casos moi destacados, que atinxen a concellos, segundo diversas informacións.

Destacou o dato o fiscal Superior de Galiza, Carlos Varela, na presentación da Memoria da Fiscalía, a cal reflicte que máis da metade dos delitos relacionados coa corrupción teñen que ver coa prevaricación administrativa, seguidos do branqueo de capitais e o tráfico de influencias.

Xuízo

Dos nomeados foron levados a xuízo con escrito de acusación do Ministerio Fiscal un total de 26, o que supón un aumento do un 44 por cento. Mentres que 10 foron sentenciados, o que supón un 25 por cento máis respecto ao ano anterior.

Dos delitos de corrupción incoados o ano pasado, a prevaricación administrativa supuxo o 56,52 por cento do total; o branqueo de capitais, o 13,04 por cento, e o tráfico de influencias, o 12,50 por cento. En canto aos que houbo unha cualificación por parte da Fiscalía, o branqueo de capitais representou o 26,92 por cento; a prevaricación administrativa o 26,92 por cento, e a malversación o 19,23 por cento.