As catro cesións de Podemos ao PSOE que Iglesias ten no seu caderno

pedro sánchez pablo iglesias

Non tocar a reforma laboral de Zapatero ou elevar o gasto en 30.000 millóns menos son algunhas delas. O propio secretario xeral matizounas após que as cámaras captasen as anotacións que el escribira.

As cámaras de Cuatro captaron durante a intervención de Pablo Iglesias após a xuntanza con Pedro Sánchez un dos documentos que o de Podemos manexaba para dirixir as súas declaracións. No seu caderno, e escrito a man, pode lerse, encadrado en cor verde, frases como “contento coa reunión” ou “Programa electoral do PSOE: moitos pontos de acordo”.

Máis abaixo, un epígrafe no caderno de Iglesias pon “cesións que trasladei”. E aí escrebe catro puntos:

1. “Reducir o déficit a un ritmo maior do que sinalamos no noso programa” .
2. “Aceptamos unha Reforma Fiscal menos redistributiva do que nos gustaría”.
3. “Elevar o gasto en 60.000 e non en 90.000 millóns de euros”.
4. “Derrogar sól a última Reforma Laboral.” Até agora Podemos quería derrogar tamén a de 2010, do goberno Zapatero, e que implicou un despedimento máis fácil e barato.

"Ninguén poderá dicir que non cedemos", anotaba ao remate da listaxe.

O debate xerado por estas anotacións, captadas polas cámaras de TV e que axiña se estenderon por informativos, tertulias e redes sociais, levaron a Iglesias a saír ao paso. Afirmou que que derrogar as 2 reformas laborais é "fundamental" mais tamén precisou que, se o PSOE "péchase en banda", estaría disposto a negociar cos socialistas a reforma de 2010 e, para iso, pediría o apoio aos sindicatos UGT e CCOO.