Catro militantes abandonan Anova-Vigo pola candidatura con IU ás europeas

Nas cartas remitidas a Xosé Manuel Beiras por est@s afiliad@s que marchan afirman que ese pacto invalida á formación como ''alternativa nacionalista de esquerdas'' e lamentan que se puxese ''ao servizo do PCE''.

Catro militantes de Anova en Vigo decidiron abandonar a formación por entender que o pacto con IU para as europeas (“integración de Anova en IU”) supón rachar coa liña e compromiso co que esta formación nacionalista naceu. Entre eses catro militantes atópanse, segundo informa La Voz e Atlántico Diario, Xabier Toba, ex-concelleiro do BNG e un dos fundadores de Anova na cidade olívica; Helena Pérez (que estivo na Coordinadora Nacional) ou o sindicalista Enrique Parcero.

Estas persoas que se dan de baixa comunicaron a súa decisión mediante cartas remitidas a Xosé Manuel Beiras. Misivas nas que expoñen as súas razóns e motivos. Así, Helena Pérez, segundo La Voz de Galicia, xustifica a súa marcha “polos cambios producidos na liña de actuación de Anova, que a invalidan como unha alternativa nacional e nacionalista de esquerdas”. Critica o que cualifica de “integración de Anova en IU”.

Asemblea

A asemblea de Anova de Vigo foi a finais do ano pasado escenario de tensións e fortes discrepancias entre diferentes correntes, que levaron mesmo á Permanente nacional a tomar cartas.