Causa Galiza chama a participar na Asemblea Nacional Constituinte para fortalecer o soberanismo

Manifestación de Causa Galiza
"Estamos creando un novo proxecto común. Convocamos á xente que ten ilusión para que se achegue ás asembleas, que achegue a súa opinión", sinalan desde a plataforma pola autodeterminación

Causa Galiza fixo unha lectura do proceso final de constitución do novo movemento político, que terá o seu punto de concreción o vindeiro 14 de xullo, coa realización da Asemblea Nacional Constituinte, na que confluirán os debates e achegas procedentes das asembleas abertas nas diferentes comarcas. 

Aurélio Lopes recordou que "desde o minuto cero, Causa Galiza estivo presente e alimentando este proceso. Fixémolo porque considerábamos positva a creación dunha frente plural, situada no nacionalismo e na esquerda". Neste sentido apuntou que "o elemento fulcral para nós era posicionarse ante o fin de ciclo histórico, situando o novo movemento político en posicións superadoras da vella estratexia autonomista, que nós sempre denunciamos". A este respecto José Antom Maceiras valorou que "son tempos de esperanza. Tempos nos que a política soberanista e independentista, a idea de crear un Estado galego, unha República Galega, avanzan".

A soberanía, no centro do debate

Causa Galiza valorou que a idea da soberanía nacional de Galiza comeza a situarse no debate político. Aurélio Lopes considerou que para Causa Galiza "era fundamental que o movemento político se situase tanto ideoloxicamente como organizativamente por un proxecto superador da estratexia e do modelo organizativo do BNG". "Cremos que os documentos que van a debate nas comarcas son claramente superadores da vella estratexia autonomista. Formulan sen nengún tipo de ambigüedade como obxectivo político a independencia deste País. Formulan sen nengún tipo de ambigüedade a necesidade de exercer a autodeterminación e formulan tamén, sen nengún tipo de ambigüedade, a necesidade de traballar para crear unha nova cultura política, un novo modelo organizativo que traballe no día a día para conquistar ese marco de soberanía, un Estado Galego".

José Antom Maceiras valorou que as demandas fundamentais de Causa Galiza están recollidas no novo movemento político. "Fica perfilar e potenciar os documentos", apuntou. Maceiras sinalou que "o futuro está aberto. Hai que ir adiante. É o inicio".

Boa oportunidade

"O Estado é perfectamente consciente do proceso de acumulación de forzas en favor da soberanía que se está a dar en Euskal Herria e Catalunya. Temos que facer os deberes en Galiza para conectar con ese tren soberanista. A Asemblea Nacionalista do 14 de Xullo é unha boa oportunidade".

A plataforma tamén fixo un chamamento a participar no próximo Plenario Nacional de Causa Galiza do 8 de xullo.