Causa Galiza transmite á delegación do Acordo de Gernika o seu apoio ao proxecto

Participantes na xuntanza entre Causa Galiza e o Acordo de Gernika

Representantes de Causa Galiza veñen de reunirse cunha delegación do Acordo de Gernika, asinado por 70 axentes sociais, sindicais e políticos bascos para a superación democrática do conflito político e histórico que vive Euskal Herria. O encontro serviu para transmitir as chaves do citado acordo que pivota sobre a construción dun escenario de liberdades democráticas plenas para a sociedade basca, a finalización da conculcación de dereitos civís e o recoñecemento do dereito a decidir ou dereito de autodeterminación.

Por parte da delegación galega abordáronseos parámetros de reconfiguración do campo nacionalista galego, a necesidade de estreitar lazos entre os procesos galego e basco de liberación nacional e a importancia de superar, tamén, as conculcacións de dereitos e liberdades que, sinalan de Causa Galiza, "se están a producir no noso país, co aumento xeral da represión e o caso particular dos presos e presas independentistas encarcerados sen xuízo e dispersados a centos de quilómetros da nosa Terra como un dos máis destacábeis".

Canal aberto

Con este encontro fica aberto un canal estratéxico de comunicación cos sectores da cidadanía basca que, "do mesmo modo que Causa Galiza no noso país", traballan en favor do recoñecemento do dereito de autodeterminación, a construción dun marco de liberdades democráticas plenas e a posibilidade de que todos os proxectos políticos, incluído o independentista, se podan materializar sen corsés legais se así o decide a maioría social galega.