Cayo Lara non será o candidato de Izquierda Unida nas eleccións xerais

Cayo Lara en Vigo

O líder de IU non se presentará ás primarias que terán lugar o 8 de febreiro, o que coloca a Alberto Garzón como principal favorito para encabezar a lista da formación.

 

O coordinador federal de Izquierda Unida (IU), Cayo Lara, anunciou que non se presentará ás eleccións primarias da formación, que se celebrarán o 8 de febreiro, o que sitúa ao deputado Alberto Garzón como principal favorito para ser o candidato da formación nas xerais de dentro dun ano.

"Quero comunicarvos a miña vontade de non presentarme como candidato ás primarias para a Presidencia do Goberno. É unha decisión que tomei hai tempo. Non é cousa dun día, quero a esta organización e creo no esforzo e traballo. Non creo nos líderes, senón no liderado colectivo", explicou Lara durante a reunión do Consello Político Federal que se celebra en Madrid.

A renuncia de Cayo Lara prodúcese nun contexto en que as enquisas anuncian un claro retroceso de IU a respeito dos seus resultados de 2011

A apertura do proceso de primarias será o 14 de decembro, a campaña do 23 de xaneiro ao 7 de febreiro, a votación d@ secretari@ xeral producirase o 8 de febreiro e ratificarase o día 14.

A renuncia de Cayo Lara prodúcese nun contexto en que as enquisas anuncian un claro retroceso de IU a respeito dos seus resultados de 2011. O factor básico na queda de intención de voto é a emerxencia de Podemos. Cumpre lembrar que antes da aparición da formación liderada por Pablo Iglesias as perspectivas eleitorais de IU eran óptimas.