Centos de persoas rodean por completo o Parlamento en demanda dunha República Galega

O soberanismo rodea o Parlamento.

Convocad@s polo BNG e co apoio doutras forzas soberanistas como Nós-UP e o PCPG, a demanda republicana galega conseguiu rodear a cámara do Hórreo na súa totalidade, coa participación de centos de manifestantes nunha reivindicativa cadea humana.

“Galiza mañá, República será”, foi unha das consignas que máis forte se escoitaron esta mañá en Compostela, onde centos de persoas acudiron ao chamado do BNG -que tamén contou co apoio de forzas soberanistas como Nós-Up- e conseguiron rodear completamente a sede do Parlamento galego, en Compostela, en demanda dunha República Galega e contra a monarquía española e o seu proceso sucesorio.

Nun acto co que o BNG pretendeu visibilizar unha axenda propia galega dentro das mobilizacións que está a provocar a abdicación de Juan Carlos I e así esixir unha mudanza do estado español que parta do dereito das nacións a decidir o seu futuro, o soberanismo galego completou o seu obxectivo de reunir as persoas suficientes para rodear os moitos metros de diámetro da Cámara da Hórreo, algo que conseguiron sobradamente.

Vence cre que "PP e PSOE queren resolver de tapadillo esta crise profunda das súas institucións e da monarquía"

Entre @s presentes, moitas estreleiras, carteis contra a monarquía española -mergullada en diversos escándalos- e a prol dunha República Galega, que tamén foi un dos hashtags máis usados nas redes. Logo de intervencións de dirixentes de PCPG, Nós-UP e Bloque, unha placa rebautizou a Praza da Constitución como Praza da República Galega.

Antes da mobilización o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, declarou: "Non imos permitir que PP e PSOE resolvan esta crise profunda das institucións e da monarquía de tapadillo". Así mesmo, denunciou que "seguen baleirando de contido institucións como o Parlamento galego xa que as decisións se toman fóra das institucións democráticas".