Cerna iniciou esta quinta a consulta ás súas bases sobre se queren marchar de Anova e constituír un partido

Luis Eyré

A militancia poderá votar no referendo telemático até a media-noite do domingo. Os resultados daranse a coñecer a segunda feira.

 

Xa está en marcha (desde a media noite pasada), a consulta de Cerna ás bases para decidir sobre o futuro desta corrente interna de Anova, un futuro que compromete tamén ao do propio partido xurdido hai dous anos e liderado por Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega. O proceso, como apontan fontes de Cerna a Sermos Galiza, comezou pouco despois da media noite pasada e prolongarase até a media-noite do domingo. “A segunda feira saberanse os resultados”. É un referendo telemático (“ten as mesmas garantías que un voto en urna”) entre toda a militancia.

Segundo o comunicado que fixo público Cerna logo dunha xuntanza en Compostela: “Na práctica da radicalidade democrática someteremos a votación mediante referendo telemático entre toda a militancia a cuestión da súa continuidade en Anova e a constitución de Cerna en partido político. As preguntas que se trasladarán á militancia serán: “Está de acordo en que Cerna abandone Anova?”. “Está de acordo en que Cerna dea os pasos para constituírse en partido político?”.

A II Asemblea Nacional de Anova finalizou cunha Coordenadora Nacional copada polo sector oficialista e sen apenas representación da corrente crítica, unha situación derivada, sinalan, do sistema de votación empregado: listas abertas puras mais con 'plantillas' rulando na militancia, que na práctica se convertía nun todo ou nada como se de 2 candidaturas diferentes se tratase. E a gañadora quedaba con todo. Unha situación que agravou as profundas diferenzas entre os dous sectores xa existentes antes da asemblea