Cerna pecha as urnas dixitais coa posibilidade de marchar de Anova riba da mesa

Anova

O sector crítico da formación que lidera Beiras convocou unha consulta entre a súa militancia que finalizaba á medianoite do domingo e cuxos resultados serán públicos a segunda-feira pola tarde.

Após de tres días coas urnas dixitais abertas, ás doce da noite deste domingo pechouse o prazo para que a militancia de Cerna votase na consulta na que decidirán se continuar dentro de Anova, onde agora están constituídos en sector crítico, mais practicamente ausente dos órganos de dirección logo da última asemblea da formación.

A comisión de garantías de Cerna reunirase ás 18:30 desta segunda-feira e coñecerá os resultados, que fará públicos. En principio, parecen ser maioría @s partidari@s de abandonar Anova e formar outra organización política, en vista das importantes diferenzas que existen coa dirección do partido que forma AGE xunto a Esquerda Unida. 

Podemos

Por outra parte, no Estado, tamén rematou o prazo para a votación dixital sobre o modelo organizativo de Podemos, onde se enfrontan as teses da dirección que encabeza Pablo Iglesias coas da oposición interna que ten no eurodeputado Pablo Echenique a súa cara máis coñecida. Iglesias xa anunciou que sairía da primeira liña se a súa proposta sae derrotada.