Entrevista

César Gil, alcalde de Mondariz-Balneario: "A situación coa acollida de migrantes é a máis normal do mundo"

O alcalde de Mondariz-Balneario, César Gil. (Foto: Nós Diario)
Un total de 180 persoas refuxiadas chegaron este verán a Mondariz-Balneario escapando do conflito bélico que vive Malí. 'Nós Diario' conversa co seu alcalde, César Gil, sobre a acollida, unha situación que a veciñanza vive con "normalidade absoluta" malia as polémicas que "impulsan algúns medios".

—Un total de 180 refuxiadas de Malí chegaron este verán a Mondariz-Balneario.
Si. Neste caso a iniciativa foi dunha empresa privada, o Complexo Cemar, que a través da colaboración coa ONG Accem,  propiciou a chegada destas 180 persoas refuxiadas ao municipio. 

—Neste sentido, como foi a acollida por parte da veciñanza?
Pois a máis normal do mundo. Os días están transcorrendo na localidade como outros calquera e como alcalde tampouco esperaba menos, pois estas persoas sufriron algo que ninguén quere vivir e temos que estar aquí para axudar. A ONG Accem é a que se encarga de atender estas persoas e xestionar a súa estancia a través de profesionais da medicina, enfermaría e traballo social, e nós estamos aquí para todo aquilo no que poidamos axudar.

—Como valora o Goberno municipal o feito de que esta acollida teña lugar na súa localidade?
Todos os Concellos deberíamos estar do lado de quen máis o necesita, e sobre todo nestes momentos tan complexos para estas persoas. Estamos encantados de darlles a benvida e de que estean aquí, pois é unha segunda oportunidade para relanzar as súas vidas e escapar dese conflito bélico que vivían en Malí. Insisto, todos os Concellos, todas as Alcaldías e todos os cargos que teñen unha responsabilidade nunha Administración pública debemos estar nestes momentos apoiando todas estas persoas que escapan da guerra. 

—Teñen perspectivas de realizar durante os próximos meses actividades para favorecer a integración e o intercambio cultural?
De momento, segundo nos traslada a ONG e tal e como dialogamos tamén durante a visita da Delegación do Goberno estatal, estas persoas están nun momento de adaptación ao lugar e facendo toda a programación do seu día a día. A maior parte delas levan tempo no Estado español, co que xa están inmersas no proceso de asentarse.

É un pracer para nós poder axudar no seu proceso de integración. No futuro queremos que participen en actividades do Concello, que teremos que programar en común coas entidades organizadoras para que se vaian integrando. Mais claro, neste momento o idioma é fundamental, é o primeiro, pois se non somos capaces de comunicarnos a maior parte da poboación con estas persoas, é máis difícil traballar nesa integración.

Con todo, veñen por un longo período de tempo, xa que son tres meses os que estarán aquí, polo que teremos tempo para realizar todas estas actividades. Por outra parte, xa hai unha ducia de persoas que van marchar, porque teñen todos os papeis e requisitos feitos, e irán alí onde elas queiran ir. Desde a ONG trasládannos que en moitos casos teñen a inquedanza de marchar a Francia, posto que xa teñen alí familiares e persoas coñecidas, e porque o idioma facilita as súas vidas.

—180 persoas é o 25% da poboación de Mondariz-Balneario.
Chama a atención. Mais somos un municipio turístico acostumado a recibir milleiros de persoas de outras procedencias, nesta época é o habitual. O único que cambia é que hai grupos máis grandes e a cor da pel, mais a normalidade é absoluta.

—Todos os focos están postos sobre Mondariz-Balneario como un exemplo de solidariedade.
É certo que estamos atendendo moitos medios de comunicación, é algo raro para nós, polo menos para min como alcalde. O curioso é que parte desta prensa non se fixa na solidariedade ou no bo facer da veciñanza, senón que buscan unha polémica que eu sempre digo que non existe.

Polémicas "buscadas por algúns medios"

O alcalde de Mondariz-Balneario (O Condado), César Gil (BNG), explica que o Goberno municipal está ao dispor da veciñanza ante calquera dúbida que puidese xurdir ante a chegada de 180 persoas refuxiadas e para explicar "quen son e por que están aquí". Neste sentido, o alcalde remarca "a importancia da transparencia e do diálogo con toda a veciñanza". En calquera caso, reitera, "as polémicas veñen buscadas por determinada prensa e determinados medios, cando non deberían ser a noticia nin existen".

Por outra parte, Gil explica que a comunicación coa Delegación do Goberno español sobre o estado destas persoas "é constante, permanente, aberta e próxima" e que "así vai continuar sendo". "Aínda que é certo que nun primeiro momento botamos en falta unha información máis precisa e con maior antelación por parte da Delegación, xa está todo aclarado", conclúe.