Causa Galiza convoca manifestación propia após ‘frustrarse” a proposta de mobilización unitaria o 25X

Manifestación de Causa Galiza

Recoñecen que a súa iniciativa de que fose Galiza pola Soberanía quen impulsase un Día da Patria unitario ''non tivo eco''.

“A nosa proposta de que fose Galiza pola Soberanía quen ‘liderase’, por dicilo así, o 25 de xullo non tivo eco”. Fontes de Causa Galiza recoñecen que após non callar a súa proposta de que este Día da Patria decorrera unha mobilización unitaria de soberanistas e independentistas, o escenario implica máis unha vez que Compostela acollerá diferentes manifestacións o 25X. En contraste, apontan, co que vai acontecer no ámbito ‘xuvenil’, que foi quen e por segunda ano consecutivo de artellar e convocar unha manifestación unitaria e pola independencia, o 24 de xullo.

Causa Galiza manifestarase este 25 de xullo baixo a palabra de orde ‘Independéncia. Para poder vivermos con dignidade no nosso país'. A plataforma independentista salienta o “escenario especial” deste Día da Patria derivado do ‘estado de excepción’ ao que se somete a capital neses días, acrecentado pola presenza en Compostela de Felipe VI e o primeiro aniversario da traxedia de Angrois. “O noso traballo nestas semanas centrarase en activar o corpo social para contestar a presenza do rei español e a cerimonia de confusión do Estado sobre o sinistro de Angrois”.

Responsabilidades e unidade de acción

A finais de maio Nós-UP fixo unha proposta sobre unha mobilización unitaria para o Día da Patria, mais a iniciativa non callou. Fontes de CG apuntan a que nen sequer se chegou a facer unha xuntanza. Consideran que ao non se sumar o BNG á chamada, os convocantes "desbotaron estudar outros escenarios".Desde Causa Galiza fixeran a proposta de que fose Galiza pola Soberanía quen convocase para o 25X, “mais tampouco tivo eco”. A organización independentista considera que a proposta frustrouse porque o BNG non vía “nin condicións nin madurez” para que GpS fose a convocante

O relato de Causa Galiza afirma que, autodescartado o BNG da ecuación, propuxo a Nós-UP unha manifestación conxunta das 2 organizacións “baixo un formato a determinar”. Mais a Unidade Popular “declinou a proposta”, din.