ANÁLISE

Chegará a conselleiro Anxo Lorenzo?

A previsíbel marcha de Jesús Vázquez da Xunta para liderar a candidatura do PP en Ourense deixará unha vacante na consellería de Cultura e Educación en cuxo perfil podería encaixar o actual Director Xeral de Cultura, figura moi criticada pola oposición durante a polémica do decreto da lingua e no seu día achegado a posicións “progresistas”.

 

Cada vez semella máis claro. Jesús Vázquez será o candidato do PP na cidade de Ourense. Así o filtran desde a formación, onde subliñan que o seu perfil como cabeza de cartel gusta a Feijóo e tamén a Baltar fillo, en quen recae a decisión final. A maiores, o polémico conselleiro desexa dar ese paso, polo que todas as pezas cadran. Pero se abre outra. A crise de Goberno en San Caetano.

A crise de Goberno na Xunta pode ser maior se Elena Muñoz acaba como cabeza de lista d@s populares en Vigo

As municipais nas que con case que toda probabilidade Vázquez será candidato terán lugar a finais de maio. O lóxico parece que como moi tarde en marzo deixe o seu posto na Xunta para centrarse na pre-campaña nun Ourense onde @s populares agardan que a dispersión do voto poida axudarlle a recuperar o concello. Pero o de Cultura e Ensino podería non ser o único cambio no Executivo de Feijóo, xa que existe a opción de que Elena Muñoz deixe Facenda para competir pola alcaldía de Vigo, decisión que aínda non se tomou entre bastante discusión interna e a posibilidade de que o concelleiro local José María Figueroa opte a ese posto. Existen dúbidas sobre a profundidade dos cambios que deberá decidir o presidente galego. Pero o de Vázquez é máis que probábel. 

De seguir certa tendencia moi instalada no PP de Rajoy e Feijóo, unha das principais opcións para suplir a un ministro ou conselleiro sempre é alguén do seu equipo. E é neste punto onde para a consellería de Cultura e Ensino aparece unha persoa que está marcada pola polémica pero semella contar coa experiencia necesaria que xustifique o seu acceso ao cargo. Trátase de Anxo Lorenzo, o actual Director Xeral de Cultura e anteriormente Secretario Xeral de Política Lingüística. 

Polo seu posto actual e pola súa condición de profesor -de filoloxía galega na Universidade de Vigo- podería ser presentado como alguén con coñecementos nos dous eidos que abrangue a carteira. Ademais, leva con Feijóo desde 2009. Nese cambio naceu unha polémica que un posíbel ascenso volvería reproducir. 

Moi criticado pola oposición, a Lorenzo sempre se lle considerou achegado ao que a metade da década pasada denominábanse “posicións progresistas”. Estivo na órbita do PSOE. E tiña un grande prestixio no mundo da filoloxía e a lingua galega. Por iso chamou tanto a atención a súa fichaxe por un PP que acababa de manifestarse con grupos galegófobos. Liderou a protestada Política Lingüística de Feijóo e Vázquez, onde se lle acusou de “rebaixar a presenza do galego no ensino por primeira vez en Autonomía”. Posteriormente ascendeu a Director Xeral de Cultura. Agora, as municipais poden facerlle culminar esa viaxe cunha consellería.

E non se trata dunha carteira calquera, senón unha das que máis relevantes e tamén das que máis protestas na rúa adoitan xerar. Desde logo, na axenda de Feijóo para o relevo de Jesús Vázquez ocupa un importante lugar Anxo Lorenzo. E poucas designacións poderían provocar maior debate que a súa. Haberá que esperar.