Ciutadans-Ciudadanos elimina o catalán da súa web

albert rivera

A nova web da formación de Albert Rivera será monolingüe en español. Unha decisión que coincide coas instrucións do cumio do PP os seus dirixentes de se referir a Ciudadanos como un partido catalán.

 

Ciutadans-Ciudadanos está a ser a nova estrela política da grella televisiva e dos analistas e opinólogos dos medios de comunicación maioritarios, que se debruzan sobre esta formación á que algúns inquéritos conceden un sorprendente 13% na intención de voto. O partido liderado por Albert Rivera semella querer se desprender do seu ‘pasado catalán’ e presentarse como unha forza española. Segundo recollen varios medios cataláns (Nació Digital ou Vilaweb, entre outros), Ciutadans vai estrear unha nova web na que o catalán xa non vai ter presenza. A anterior páxina web si que dispoñía desta opción, permitindo elixir entre castelán e catalá, mais a nova ferramenta vai ser monolingüe en español.

Como destaca Nació Digital, esta decisión coincide coa estratexia deseñada polo PP a respecto deste partido e que menciona El País. A secretaria xeral popular, Dolores de Cospedal, ordenou a todos os dirixentes e altos cargos do PP que se refiran a Ciudadanos como unha formación catalá, sen proxecto para o Estado español.